mércores, 13 de setembro de 2017

ENTREVISTAS DE VERÁN



ENTREVISTAS DE VERÁN


ENTREVISTA A XULIA PISÓN, EX ALUMNA DO EUSEBIO DA GUARDA




R. Soto: -Moitas grazas, Xulia, por concedernos a entrevista. Imos empezar polo Instituto: durante que período fuches alumna do Eusebio? Recordas algunha anécdota que nos queiras contar? Gardas lembranzas especiais dalgún profe?


Estiven no Eusebio desde 1º da ESO ata 1º de Bacharelato. Non foi precisamente a miña mellor experiencia académica, así que non gardo demasiadas anécdotas agradables. Despois marchei a Adormideras e cambiou bastante o conto.

O profesor do que mellores recordos teño é Adelino (non recordo o apelido), o profesor de Historia, era unha gran persoa.


Agora tócanos darche parabéns... Se se admite a metáfora, vas vento en popa, e a verdade é que dá gusto ver a nosa mocidade triunfar ou ir ben encarreirada polo camiño que leva a aquelas metas autopropostas, que un mesmo se marcara. Corríxeme se me equivoco: levas publicados tres cómics, tes xa a experiencia dunha exposición colectiva, contas cun premio (Xuventude crea, concedido pola Xunta no 2015) e este verán arrasas co teu cartel sobre as festas coruñesas. Estarás, canto menos, medianamente satisfeita... Custouche chegar ata aquí? 


Si, mantívenme bastante ocupada estes anos, dá un pouco de vertixe pensar o rápido que pasou todo. Porque a miña é unha historia atípica, non empecei a traballar en serio no mundo da ilustración e o cómic ata fai 3 anos.

Eu tiña outra profesión e outro futuro por diante, non o que quixera, pero totalmente respectable e acomodado. Pero ás veces, por circunstancias, preséntasenos unha oportunidade, un instante no que atreverse a vivir a outra vida… e se es o suficientemente valente (ou estúpido) para saltar ó vacío… podes chegar a vivir do que realmente che fai feliz.

Creo que foi Spielberg que dixo que os soños non veñen de fronte, non berran “este é o teu soño deberías facer isto para sempre”,  son un susurro que vén desde atrás… os soños non berran, susúrranche na orella. E hai que esforzarse cada día para oílos. Eu tardei un pouco, pero ó final conseguín escoitalos.

Se me custou chegar ata aquí? Pois despois de dar moitas voltas na vida, agora síntome por fin no meu camiño… nunca traballei tanto como nos últimos tres anos de tinta, suor e falta de sono, pero tamén foron os máis felices da miña vida.




-Centrémonos no cartel que anuncia as festas de María Pita 2017. A idea é estupenda, brillante diría eu, orixinal. De novo déixame que te felicitemos. María Maior Fernández da Cámara Pita, coñecida como María Pita, baixa do seu pedestal para liderar de novo o pobo coruñés, pero esta vez por motivos non guerreiros, senón festivos. Unha María P. que, inda persistindo unha certa dose de idealización decimonónica  -sabemos que desde un punto de vista real e histórico ela non era nin xove nin delgadiña de cintura coma a palla de centeo-, convértese nunha figura actual, unha María Pita rockeira case... E un pobo moderno: con presenza de varias xeracións asemade, con indicadores tecnolóxicos de vivirmos xa no século XXI, con presenza de xentes de varias orixes . A excepción é o soldado rubio con casco: é Drake? Que nos podes dicir da recepción do teu cartel, gustoulles aos coruñeses, non si? Percibíchelo ben?


Si, o cartaz tivo unha recepción estupenda por parte do público. Estiven a seguir a actividade en RRSS e a gran maioría das impresión foron positivas.

Foi un traballo moi difícil, sentin moita presión pola responsabilidade que era para min facer a imaxe das festas da Coruña, así que ó final optei por ser fiel ó meu estilo e á miña perspectiva feminina, vitalista, desenfadada e un pouco rockeira… e que fora o que tivera que ser. E xa ves, saiu ben!

E o soldado é o pobre inglés morto que se representa ós pés de María Pita na estatua pa praza do Concello, dábame pena e quixen darlle a oportunidade de unirse á festa igual que a Maria… Aínda que parece un pouco despistado.


Formas xa parte da pléiade de ilustradores e cartelistas coruñeses: José Gómez Naya, Álvaro Cebreiro, Mª Dolores Díaz Baliño, Urbano Lugrís, Carmela Correa-Barceló,  Miguelanxo Prado, Xosé Cobas, Carlos Arrojo, Lucía Cobo ... Incluso podía eu citar o noso ex alumno que traballa agora en Barcelona, Cristian Diamante. Fálanos, por favor, dos teus modelos, referentes, influencias...


En canto a referentes de cómic temos en Galicia dous grandes debuxantes de Comics que son parte esencial dos meus referentes, Emma Ríos e David Rubín. Internacionais temos a Blutch, Craig Thompson, Tony Moore etc. Referentes moi dispares que me axudan a construír e pulir o meu propio estilo.

Pero os cómics son unha influencia relativamente recente do meu traballo. A literatura e o cine son a base da miña actividade creadora.


Xulia: que estás lendo arestora?


Pois en comic estou a ler Jazz Maynard de Raule e Roger Ibáñez. E en literatura teño na mesa Las amargas lágrimas de Petra Von Kant, de R.W. Fassbinder.


Proxectos a medio e longo prazo, por favor.


Agora mesmo ando combinando pequenos traballos e encargos de ilustración cun cómic longo, que intentarei mover por editoriais. E ata aquí podo ler…


Moitas grazas de novo por atendernos. Unha aperta grande, outra para teu pai, a quen leo e aprecio. Os mellores desexos para ti, para o teu longo e prometedor futuro!



Grazas a ti!



::::::::::::::::::

(NOTA:
O prof. Adelino García Brión, docente de Xeografía e Historia durante moitos anos no noso Instituto, pasou xa a mellor vida. Compartimos con Xulia o aprecio por el. Que a terra lle sexa leve!)

Ningún comentario:

Publicar un comentario