xoves, 26 de outubro de 2017

A CORUÑA



A CORUÑA


130 ANOS DO NACEMENTO DE RAFAEL GONZÁLEZ VILLAR

 (Retrato de R. González Villar tomado a principios dos anos vinte)

 (Libro sobre o noso arquitecto, da autoría de Antonio Garrido Moreno, publicado pola Deputación da Coruña en 1998. De aquí tomamos nós datos e fotografías)

Rafael González Villar nace na Rúa Real da Coruña o 6 de outubro de 1887. Cursa os primeiros estudos no Colexio Dequidt e acaba o bacharelato en 1902. Cando termina arquitectura en Madrid, Antonio Palacios proponlle que quede no seu estudo de Madrid pero R.  González só quería desenvolver a súa profesión na nosa cidade. A carreira rematouna en 1911 e foi o primeiro da súa promoción. Así logrou unha bolsa de estudos, bolsa que compartiu co segundo da promoción: viaxaron por París, Bruxelas e Bruxas. Casa con Antonia Sainz de Varanda Lavagge en 1912, na capela do Colexio de Arquitectos da igrexa de san Sebastián, en Madrid. Veñen vivir á Coruña, onde quere que naza a que será a súa filla Antonia. Residirá ata a súa morte na coruñesa rúa Santiago.

 (Bosquexo do edificio para o Chicago Tribune, datado en 1922)

 (Café Kiki, tamén coñecido como 'Edificio Castromil', obra de G. Villar en Santiago, lamentablemente desaparecido)

 (Almacéns e Banca Núñez, Betanzos. Obra datada en 1923)
 A primeira obra realizada na Coruña dátase en outubro de 1912: é o proxecto do Quiosco Alfonso, obra encargada por Alfonso Vázquez e Dolores Leira; converterase na edificación máis espectacular erguida ata ese momento na chamada Carreira Sur dos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña. 

 ('Kiosko Alfonso', en 1912)
 Lamentablemente, con só dezasete meses de matrimonio, González enviúva. A irmá María, que vivía en Madrid, vén facerse cargo da sobriña. Rafael González sempre estivo vinculado á vida social e ás institucións coruñesas e galegas e colaborou con elas; neste sentido baste relembrar o seu proxecto para o Monumento a Concepción Arenal, por iniciativa de Manuel Casás que daquela era Presidente do Circo de Artesáns da Coruña; tamén acepta, respondendo a ese proceso de autoidentificación coa cultura de Galicia, a presidencia da Sociedade Cantigas da Terra en 1919, e foi o autor dunha fermosa maqueta para o Monumento a Curros Enríquez, datada en 1917. Sempre en relación co mundo da cultura, deberemos igualmente salientar que cando foi presidente do Circo de Artesáns organizou un ciclo de conferencias verbo de temas que afectaban a Galicia (citaremos só un par delas: unha, impartida por Armando Cotarelo –daquela vicerreitor da USC- sobre “Caracteres históricos y morfológicos de la lengua gallega”, e outra impartida por Eugenio Carré Aldao, “Nuestro pasado literario. Reivindicaciones que se imponen”).
 (Casa Molina, na Coruña -recibe o nome do seu amigo, o industrial Raimundo Molina-, datada en 1915; edificio de Palacios ao seu lado)

 (Chalé Companioni, 1927, situado na Cidade Xardín coruñesa, actualmente en perfecto estado de conservación)
 En 1929 vémolo desempeñando o cargo de Presidente do Padroado do Museo e Presidente da Real Academia de Belas Artes da Coruña. Xunto con Arturo Souto e Martínez Morás traballan para desenvolver a idea da creación dun Estudo (Sociedade de Artistas), onde poidan expoñer os artistas plásticos asociados. En 1940 é nomeado arquitecto municipal interino do Concello da Coruña. A Real Academia Galega nomeouno académico de número, mais non chegará a exercer porque abandona este mundo antes, exactamente o 12 de marzo de 1941. Descanse en paz este bo coruñés.

 (Chalé Carnicero, exento -nada que ver co contexto actual-, está nun extremo da Ponte da Pasaxe, foto de 1916)

 (Rafael González pintaba, deseñaba cadernos, deseñou fontes... Entre os seus proxectos espléndidos nunca realizados está este, para un Museo de Belas Artes na Coruña)

 (Edificios na rúa coruñesa Ramón de la Sagra, feitos en 1939)

 (Cadro da cronoloxía do noso arquitecto, autor: Antonio Garrido Moreno)

xoves, 19 de outubro de 2017

GALICIA INMORRENTE



HOMENAXE Á SUFRIDA TERRA.


ALGÚNS RITOS PROPICIATORIOS DA AUGA

(Foto tomada da prensa do luns 16 de outubro en Internet. A foto é de Delmi Álvarez. Cadea humana na provincia de Pontevedra) 

(Foto tomada da prensa do luns 16 de outubro. Cadea humana en Vigo. A foto é de M. Moralejo)


Non é un tema doado de enfocar, está quente aínda. Queima e doe. Doen as mortes, o primeiro. Unha forma de morrer tan arrepiante, ademais. A propósito das dúas defuntiñas, comentábase na familia, que duro ter que abandonalas para salvar a propia vida, pero se fose a miña filla eu tíñao clarísimo, vaite e non mires atrás, sálvate ti, que eu xa vivín moito. Acode á nosa mente a imaxe arquetípica daquel heroe, forte, en plenitude, que colle ao pai ao carrelo –como din en Valdeorras- e condúceo fóra da cidade en chamas, por pasos subterráneos: son Eneas e Anquises, e a cidade é Troia, como imaxinabades. Outro home morreu querendo salvar o gando: tan importante é a facenda para algúns galegos... Outra páxina inmorrente nos vén á cabeza, aquela de Castelao onde os paisanos renden case culto á vaquiña... Hai tantas diferenzas aínda entre os dous mundos de Galicia, o urbano e o non urbano. Quixera ser socióloga ou psicoanalista social e penetrar no corazón ou na mente, non dos que incendian –que algún haberá tamén- por causas crematísticas, intereseiras, senón daqueles que incendian sen dó de nós, coma se non tivesen nada que perder, coma se unha desesperación ancestral –case suicida- os posuíse, non podo entendelo e hai que evitar que a dor sexa máis poderosa cá esperanza. Que debemos sentar en consello, en Parlamento, e procurar novas vías para o futuro dos montes, para o futuro dos abandonados camiños, para a creación de novos postos de traballo estables no rural, sexan os que sexan pero cada día e cada ano máis..., para a educación a través desas estruturas insuficientemente aproveitadas (algúns teleclubs das parroquias deben ser algo máis que bares...), para a colaboración e autoorganización solidaria..., iso tamén está fóra de toda dúbida (díxome onte mércores Alba, unha profesional da fisioterapia nova –podía ser a miña filla-: nós facemos o que podemos, todos debiamos poñer algo da nosa parte... Eles son un grupo, unha asociación deportiva, Os Gharnachas, que cada tanto organizan marchas polo monte, no Concello de Arteixo: uns días antes sistematicamente van en cuadrilla de vinte ou así e limpan os carreiros e camiños, e son quilómetros os que limpan, por onde van correr; fano a man ou con apeiros mínimos, unha desbrozadora se cadra; Canto tempo lle dedicas de cada vez?Pois bótalle unhas tres horas, ben suadas, que conste... Velaquí un modelo de actuación).

 (Dedicación á deusa Navia. Apareceu en Lousame, A Coruña)


Porque si,  tamén existe entre nós a solidariedade: velaí esoutro defuntiño que morreu axudando á veciña. Velaí esa cadea humana en Vigo. A min encantaríame homenaxear os habitantes solidarios da Galicia en lapas, se ben tamén penso que a solidariedade non debe facernos desprazar o xusto enfoque do problema: se hai terrorismo incendiario, como din as máximas autoridades políticas de Galicia, tamén debe haber xusta resposta: en axuda ás vítimas, en resposta aos que así delinquen, en prevención –integra política forestal, integra medios técnicos carísimos como os drons, integra corpos de seguridade e investigación talvez do SEPRONA- a nivel nacional e europeo, pois que somos parte da Unión Europea; dito doutra forma, esta catástrofe económica e ambiental non pode ficar reducida a un recuncho da información no xornal con estatísticas que nos digan que sempre arde máis en Galicia e aí se acabe a cousa, coma se a cousa non fose tema de Estado.

Perante o lume, que importante é a auga. Sempre necesitamos e necesitaremos a auga. Os nosos ancestros tiñan os seus ritos propiciatorios para impetrar a auga do ceo. Hai moita e moi importante literatura escrita sobre o tema. O artigo básico cuxa lectura vos recomendo encarecidamente é o de Fermín Bouza Brey: “Ritos impetratorios da choiva en Galiza: a inmersión dos «sacra» e os vellos cultos hídricos”, publicado no libro Etnografía y folclore de Galicia (Vigo: Xerais. 1982, pp.125-138). Aí di Bouza Brey que non se sabe con exactitude a que deuses impetraban (pedían) auga os nosos devanceiros precristiáns pero ao final cita catro: Bormánico (en Hispania Epigraphica [de libre acceso na rede] atopamos, entre outras, dúas dedicacións a este deus hídrico, cuxa raíz está en borbollón, Borbón, no castigadísimo Borbén etc., no norte de Portugal, en San Miguel das Caldas e san Xoán das Caldas, non cabe dúbida da súa vinculación coas augas quentes, que ferven), Edovio (vemos en que apareceu unha dedicación a este deus prerromano precisamente nos cimentos do balneario de Caldas de Reis), Navia (un morico, unha morea de dedicacións en Hispania.., unha preto de Porto, outra en Braga, onda a Fonte do Ídolo, outra no devastado Castro Caldelas ourensán etc.) e Deva. Case con total seguridade que había máis. En Hispania E. vemos que son moi abundantes as dedicacións ás fontes (á Fons, a Fontano y Fontana, a Fontanae sacrum...) en toda a península. Ás fontes e tamén aos ríos: documentamos dedicacións ao Durio (Doiro ou Douro) e mais ao Támega (Tameobrigo, preto de Porto, na ribeira do Douro, na confluencia co Támega: así enténdese mellor o sacrificio de polos, que recolle noutro lugar Bouza Brey, a ese río-deus). E como non, ás Ninfas das augas: nas Burgas ourensás, en Caldelas, en Baños de Bande...

 (Di Eliseo Alonso, no precioso libro "Gamelas y marineros" que os mariñeiros de Camiña eran tamén moi devotos de santa Trega: para obter ventos favorables movían unha tella da súa ermida)


Da lectura demorada do artigo citado deducimos un par de cousas: unha, que moitos dos ritos que inda facemos ou faciamos ata hai pouco en Galicia, tamén se fan noutras partes de Europa; dúas, que se facían antes do cristianismo (xa no paganismo grego se mergullaban ídolos nos ríos, como Palas Atenea ou Afrodita) e tres, que se poden distinguir entre ritos propiciatorios ou purificadores e ritos punitivos, de castigo aos deuses ou aos santos hidróforos por seren “malos” e non mandar a chuvia. A medio camiño, nunha especie de terceira vía, habería que situar o curioso rito documentado polo dominico complutense Frei Alonso de Espinosa (a súa obra Historia de Nuestra Señora de Candelaria, escrita a finais do s. XVI, fíxose moi popular e o rito é abondo citado nos estudos sobre este tema de ritos propiciatorios da chuvia; nós só estivemos unha vez na illa de Tenerife, pero chegounos para facernos unha idea da riqueza cultural que se agacha naquela parte de África, ou Euráfrica se preferides, nunca está de máis crear novos compostos; teñen un museo arqueolóxico e etnográfico digno de ser visitado, coas momias guanches, co servizo de publicacións interesante, un luxo de illa). Reproducirei o fragmento unha vez máis, traducido ao galego: “Aínda que coñecían que había Deus [os naturais da illa de Tenerife, que segundo Espinosa os guanches chamaron Achinech], a quen nomeaban por diversos nomes e apelidos, como son Achuhurahan, Achahucanac, Achguayaxerax, que quere dicir o grande, o sublime, o que todo o sustenta, non tiñan rito ningún, nin cerimonias, nin palabras con que o venerasen. Mais cando as treboadas non acudían e por falta de auga non había herba para o gando, xuntaban as ovellas en certos lugares que para isto estaban dedicados, que chamaban o berrecadeiro [baladero no texto orixinal]  das ovellas, e chantando unha vara ou lanza no chan, apartaban as crías das ovellas e facían estar as nais arredor da lanza, dando beos [do verbo bear]; e con esta cerimonia entendían os naturais que Deus se aplacaba e oía o bear das ovellas e províaos de trobóns. Digo que está a medio camiño porque propicia o ánimo de Deus mais tamén lle produce dor tanto laio, algo castiga esa dor.

 (A pedra Mazafacha, da que nós temos recollido varias lendas dos nosos alumnos coruñeses. Está no monte Xalo e vincúlase a ritos líticos propiciatorios. A foto é de Rocío da Igrexa)


Volvendo a Bouza Brey, cita unha serie longa de lugares con ritos con santos hidróforos. Aumentemos nós ese listado cun novo lugar: En Berdoias está san Pedro –é o patrón-, e en Verdeogas –pertence a Dumbría- está Santiago. O Santiago, como é matamouros, ten un sombreiro de cabaleiro e tamén a espada. E o san Pedro, como é tan vello, está calvo. E logo, cando queren que chova, levan a san Pedro a Verdeogas e hai un regato (creo que lle chaman Fampa) alí no medio do campo, á beira da estrada. Entón paran e lávanlle a calva para que lle acorde mandar a auga. E ao revés, cando queren que pare de chover, sacan o Santiago para Berdoias para que recorde que o sombreiro é para o sol. (Agradecémoslle esta información, facilitada hai moitos anos, ao noso prezado colega, xa xubilado, Jesús Barrientos, natural de Berdoias, Vimianzo, A Coruña. Vénnos á memoria aquela cantiga afonsí, na que santa María fai chover en Xerez; vexo que é a número 143 na edición de W. Mettmann; o remate ten o seu aquel: Enton a Virxen as nuves abrir / fez e delas tan gran chuvia sayr, / que quantos choravan fezo riir).

Outras formas rituais e moi arcaicas, canto á orixe, de pedir máis ou menos auga en Galicia consisten en mover unha tella ou mover unha pedra. Poñemos só un exempliño porque se non isto se convertería no conto de nunca acabar: falando de Corme e arredores, di Fraguas: Un dos costumes das mulleres dos mariñeiros era a tella da capela. Para que cambiase da chuvia para o bo tempo dábanlle a volta a unha tella e para que cambie a dirección do vento colocaban a tella do xeito apetecido (en: : Antonio Fraguas (1998): “Lenda e poesía popular nas nosas rías, no noso mar”, en Antropoloxía mariñeira. Actas do Simposio Internacional de Antropoloxía In Memoriam Xosé Filgueira Valverde. Francisco Calo (coord.). Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega).

Tedes outro bo exemplo no artigo que publicara na prensa Francisco A. Vidal (https://www.lavozdegalicia.es/noticia/barbanza/2005/04/16/ritual-san-alberte/0003_3642271.htm), co título O ritual de san Alberte. Aí fálase de ritos coas pedras no monte Xalo, pero esa ritualidade atravesa Galicia da cima ao fondo.  As concomitancias atopámolos aquí e acolá, non somos os únicos en conservar ritos ancestrais. Na América precolombina tamén usaban as pedras ou os lugares pétreos para implorar chuvia: na illa de Taquile, no lago Titicaca, había unha pedra macho e unha femia (como en moitos lugares de Galicia), pedras que foron obxecto de culto. Aí preto hai un lugar-santuario-promontorio que é un lugar predilecto para implorar a chuvia en período de grandes secas.

Non podemos rematar este escrito sen darlle as grazas á Providencia (os que non comungades con este meu pensamento podedes pensar nos astros, no fátum, no poder dos vosos bos e xenerosos desexos) pola auga caída, en forma de poalla máis que en forma torrencial. Que Ela teña sempre tendida a súa man protectora sobre esta terra (re)queimada!


(Eneas, Anquises e Ascanio, o fillo de Eneas. Obra de Bernini. Fotos tomadas de Internet)

xoves, 12 de outubro de 2017

VISITANDO



VISITANDO O BIERZO

 (Solpor)



Visitamos o Bierzo e non por primeira vez, Luis xa traballara hai anos no Instituto de Cacabelos. Boa e fértil terra. Forma un contínuum con Valdeorras, de onde vén toda a miña familia materna. O tempo de outono espléndido, non sendo con todo -e como facilmente comprenderedes vendo o nivel dos encoros nos informativos- a felicidade climática completa.

 (Cubas ou pipos do vinagre: explícanos Antonio que as da ringleira inferior son as que levan máis tempo no proceso. Son as que tocan o solo, de aí a voz "solera")

 (Artesonado, dentro dunha dependencia do Palacio de Canedo, é imitante do teito de San Francisco el Grande de Villafranca)
 
Fomos xantar un día á casa do Prada pai, no Palacio de Canedo (un pazo que fora da nobreza rural, dos Osorio, apelido que señoreou tamén nas terras de Camba), reestruturado e chamado a unha nova vida, con algún exceso desa “ruralidade” feita para que o turista experimente o bucolismo e tal, pero en conxunto moi agradable. O viño, ecolóxico, moi destacado. Miña nai comeu corvina, curioso, a que si? Despois de xantar, sobremesa demorada. Había unha voda, xa sabedes, supervisión do estilismo, comentarios meus sobre o dato: trae boa sorte ver unha voda. Para quen?, preguntou  miña irmá. Para eles e para nós, contestei tan pancha. Infusións, paisaxe ampla, ao fondo os montes Aquilanos –Roma eterna no horizonte, en fin... Había unha especie de tren que levaba visitantes polos pagos-viñedos propiedade de Prada e decidimos que coa nosa nai presente, era boa opción. Sorte que boa parte dos convidados á voda era do lugar, así deunos tempo a pillar a derradeira viaxe do día e permitiunos observar desde certa altura magnífica o solpor: aló lonxe as Médulas, a aqueste lado Castro Ventosa, naqueloutro ángulo, o Sil e alén del, Valdeorras... Fermosísima terra roxa. A de Sarmiento, a terra astur, a dos guigurros, ao leste Compostilla, que algún autor asimila á Calóbriga prerromana (vén a mente a igrexa da Rúa Vella, a do santo Estevo onde se conserva a pétrea inscrición do guigurro calubriguense...[ [L(ucio)] Pompeio L(uci) f(ilio) / Pom(ptina) Reburro Fabro / Gigurro Calubrigen(si) / probato in coh(orte) VIII pr(aetoria) / beneficiario tribuni / (...)]. A miña irmá discreparía con esa identificación. Diría máis ben que a vella Calobriga está onde agora está a Pobra, preto do Barco. Algún día oínlle dicir que se corresponde con Calabaceiros, tamén en Valdeorras. Mira ti que se había máis dun lugar chamado así... Porto-Calem, Calóbriga, Callobre, a Gallaecia ancestral. O condutor-guía chámase Antonio (coma o bisavó, o avó, o pai...; asegura que se ten un fillo non o chamará Antonio, eu protesto, pois é ben bonito o nome) e pasará á historia dos meus seres humanos favoritos: vaia amor pola súa terra! Paradigmático. Con que sinxeleza e coñecemento de causa, con que naturalidade exenta de énfase falaba... E canto sabía. Comentei eu que aqueles topónimos en -el (Cornatel, onde está o castelo noutrora en ruínas –cando eu embarazada do meu primoxénito o visitei da man de Luís-, agora renovado, rodeado iso si de restos de terra queimada, reseca, desértica case...; Paxariel...) eran ou parecían ser mozárabes, contestou que non lle estrañaba porque por acó viñeran desde o sur e recordou o artesonado de san Francisco el Grande de Villafranca.

 (Conatel)

 Falando logo das riquezas do Bierzo contaba:  Estiven vivindo trinta anos en Cataluña e sei o que digo: alí se fan algo son os mellores niso: se fan viño, fan o mellor viño; se fan aceite, fan o mellor aceite, pero aquí no Bierzo facemos e aproveitamos todo: o viño, o porco, o vinagre, os pementos, a horta, e todo é bo. Pois sabes que che digo, Antonio? Que oxalá teñas fillos e poidas transmitirlles do teu saber. Aínda quixen turrarlle un pouquechiño máis da lingua. Menteille o Lago de Carucedo. Non saberás ningunha lenda? (Coméntovos: hai moitos anos escribira algunhas páxinas sobre a presenza de Roldán en Galicia e lera sobre a existencia dentro dese lago –moi vinculado á materia de Francia, a de Carlomagno e os doce pares, que nos chega polo Camiño francés ou de Santiago- de cousas pertencentes a algún dos míticos francos; alí escribín: “digamos que a tradición berciana do lago Somido refire que nel xace a espada de Roldán: dato este curioso, ausente da versión de Oxford: aí a sorte que corre Durandarte é escura, pero noutras versións –no Ronçasvals occitáncio, por ex.- a espada é guindada a un lago”; e noutro lugar do mesmo artigo: “E hai unha tradición no Bierzo segundo a que no fondo do lago de Somido descansa o barrilete de Oliveros -en D. Gustavo López, Las Médulas. León: Nebrija, 1980, p. 151-, onde, como se sabe, tería gardado o bálsamo de Fierabrás”; agora comprenderedes mellor a miña fonda curiosidade). Antonio dixo: Ah, de por alí son eu [non estou xa segura, mágoa!, pero xuraría que dixo de Villardepalos]... Agora volve haber anguías, e volven aparecer no río... Antes había moitas pero desapareceran... Lendas non sei pero o que si sei é que o meu tataravó buscaba un cabaliño de ouro que se sabía que estaba soterrado nun castro; na miña familia dise que o meu tataravó pasou toda a vida buscando o cabaliño de ouro. –E encontrouno? –Non o encontrou pero gastou moito tempo buscándoo. A carón de cada ringuileira de cepas había no cabo unha roseira. A miña irmá preguntou: É polas pragas? Era, si. As roseiras e as cepas son atacadas polas mesmas pragas, pero a roseira anticípase. Uns vinte días antes de que sexa atacada a viña xa sabemos o que virá polas roseiras e podemos prever. Ao día seguinte, domingo, xantamos en Cacabelos, na casa de Prada filla (entre nós: a raza mellora, a cociña -polo menos desta vez- encontreina superior). Tras o xantar había que pensar no regreso. Non deu tempo a pasear pola ribeira do Cúa, onde noutrora vivira Luís. Incluso chegara a pintar os chopos espidos do inverno... Tamén visitaramos o castro de Ventosa, onde os estudosos (así se dá por seguro, por exemplo, neste libro de Ronald N. Walpole, The Old French Johannes Translation of the Pseudo Turpin Chronicle, publicado pola Universidade de California en 1976) afirman que hai que situar a Ventosa do Pseudo Turpin, un lugar alto e ventoso, en que ventea, desde logo.

 (Terra roxa. Sangue guigurro. A avoa valdeorresa cos netos coruñeses)