xoves, 5 de outubro de 2017

A NOSA CASA



A NOSA CASA


AS GRANDES DAMAS DO ENSINO


Mª José Martínez Girón.

(María José Martínez Girón, segunda directora na historia do Instituto Eusebio da Guarda, catedrática de francés)
Imos coa segunda entrega desta serie dedicada ás grandes damas do ensino que pasaron pola nosa casa. Hai moitas, esa é a verdade. Sabede que neste fermoso capítulo podemos falar en termos semellantes a aqueles que recitabamos a propósito da multiplicación: a orde de factores non altera o produto. A oportunidade de falarmos hoxe de María José Martínez Girón vén dada pola recente lectura da súa tese de doutoramento. Logo toma ela a palabra a ese respecto. Primeiro ídesme permitir que vos relembre un par de datos sobre a súa vida en relación co noso Instituto. No que nós sabemos, só houbo en 125 anos de historia do Instituto da Guarda tres directoras. María José Martínez Girón foi a segunda. Primeiramente xa fora Vicedirectora, sendo Elisardo López Varela, catedrático de Lingua Galega e Literatura, o Director. Este período de vicedirección comprendeu desde o curso 2002-03 ata o curso 2005-06, en que inicia o novo período como Directora. Exercerá o cargo ata o curso 2008-09. Cando se publica o libro O Instituto da Guarda da Coruña. 125 anos de historia (editado pola Deputación Provincial da Coruña, no ano 2016), Mª José M. G. elabora un artigo titulado precisamente “Os directores do Instituto Eusebio da Guarda”. 

 (Foto que ilustra o artigo citado da autoría de Mª J. Martínez Girón: como ela investigou, sabemos que no equipo directivo de Díaz Grande, quen fora director nos anos 20 do século pasado, e dirixía o centro no curso 1935-36, había personaxes de grande altura intelectual como Gonzalo Brañas ou Fermín Bescansa)


Grazas á súa iniciativa empezaron a celebrarse a principios dos anos noventa os actos de graduación dos alumnos que rematan a etapa da educación secundaria: estes actos, con discurso dun profesor que representa o claustro, durante décadas viñan tendo lugar no salón de actos do centro, ata que o número do alumnado obrigou á Dirección, por razóns de espazo, a procurar fóra do edificio un auditorio de maior capacidade. María José Martínez Girón foi tamén a organizadora do Maratón de Lectura Solidario que se celebra no Instituto durante todo un día: alumnos, pais e profesores lemos ininterrompidamente ao longo da xornada e contribuímos cunha dádiva que se entregará, unha vez xuntadas todas, á Cociña Económica coruñesa. O primeiro Maratón, como relembraredes os que seguides o blog, tivo lugar o 24 de febreiro do 2014.

 (María José M. G. no centro da imaxe. Foto oficial, nas escaleiras principais do Instituto, da promoción do curso 2003-2004, promoción na que se graduaron algúns dos nosos fillos)


Tras xubilarse ao cumprir sesenta anos, María José puido, por fin, dar remate á súa tese. Dámoslle o noso parabén. Longos anos e moitas publicacións, velaquí o noso desexo. Vexamos agora as súas palabras:

 (María José aparece aquí rodeada de colegas: celebrábase o 150 aniversario de Instituto provincial coruñés)

 :::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::


Lectura e defensa da miña tese de doutoramento


María José Martínez Girón



            O pasado día 7 de setembro foi unha data moi sinalada pra min, foi o día no que despois de varios anos vin cumprido un soño que comezara cando rematei a miña carreira de licenciada en Filoloxía Románica, especialidade de Francés: facer a miña tese de doutoramento.

            É curioso pero todos os nervios que sentín os días anteriores desapareceron cando me atopei no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña. A miña familia e moitísimos amigos dábanme ánimos coa súa presenza e cando chegou o tribunal e comezou un dos actos más solemnes da vida académica puiden desfrutar verdadeiramente a pesares de que cando comecei a miña voz non era moi forte, pero de seguido collín confianza e pasei a falar do que foi o meu traballo dos oito últimos anos: un estudio da obra dun frade beneditino do mosteiro de Montserrat chamado Fray Antonio Castell, obra editada no ano 1592 e titulada “Theórica y práctica de boticarios”.

            Poderíaseme preguntar que fai unha profesora de francés cun texto na meirande parte farmacolóxico e do século XVI con todas as dificultades que iso implica, e a resposta é que o mérito é do meu director de tese o profesor José Ignacio Pérez Pascual, que me brindou a posibilidade de ampliar os meus coñecementos sobre lexicografía ao mesmo tempo que me adentraba nun mundo case totalmente descoñecido pra min.

            Canto máis me implicaba mellor vía que o traballo resultaba verdadeiramente fascinante: o autor resulta practicamente descoñecido, o único que sabemos del é que foi boticario dos mosteiros de Montserrat e de san Bieito o Real de Valladolid e que acadou a incrible idade (inclusive pra nós) dos 104 anos; chegaban peregrinos a Montserrat coa única finalidade de tocalo e comprobar que realmente estaba vivo.

            En canto á obra, somentes existen seis exemplares coñecidos en todo o mundo e esta rareza xustificaba por ela mesma o meu traballo.

            O autor deixa patente no transcurso da Theórica unha fina e sutil ironía, cando di, por exemplo que tal receita é tan doada de facer que “Hasta una mujer podría hacerla, cuanto más los boticarios.”, ou cando reprende aos boticarios as súas malas artes botando menos cantidade do que teñen que facer, por avaros,  ou empregando materiais de menor calidade.

            Existen receitas moi suxerentes como a da “Theríaca” atribuída ao rei Mitrídates do Ponto, que como tiña medo de ser envelenado ía tomando ano tras ano pequenas cantidades de velenos co cal resultou  inmune a todos, e cando un rei inimigo conquistou o seu reino quixo morrer antes de acabar nas súas mans e, non podendo facer uso dos velenos -ninguén podía matalo-, tivo que mandar que un escravo o apuñalase pra obter unha morte digna.

            Avanzando no estudo da obra descubrín, aquí foi importantísima a axuda do meu director, que existían excesivos paralelismos coa obra dun médico francés contemporáneo de Castell e que fora moi recoñecido na súa época: Brice Bauderon, quen escribira unha obra “Paraphrase sur la Pharmacopée” , editada en 1588 e que foi coñecida sen dúbida ningunha por Fray Antonio Castell. Os dous estudaron na Universidade de Montpellier e cando analicei máis en profundidade a obra de Bauderon puiden concluír sen dúbida que a Theórica era en realidade unha tradución moi fiel da obra francesa. Chegados a este punto axudáronme moito os meus coñecementos da lingua francesa pra detectar galicismos tanto no léxico como na sintaxe.

            Case resultou unha novela de detectives: achar que unha obra de prestixio e moi recoñecida na súa época pola comunidade científica era en realidade o resultado dun plaxio. Mais no honor da verdade, Castell ten peculiaridades na súa obra das que carece Bauderon, como eses ditos irónicos e as citas á sabedoría popular e o achegar a España unha obra de tan grande importancia.

            Rematada a miña lectura e defensa e os comentarios que sobre a tese fixeron os membros do tribunal: non teño máis que palabras de agradecemento pra eles, saímos para fóra agardando pola súa deliberación. Bicos de todos! Canta emoción neses intres! Voltamos a entrar e postos en pé escoitamos a cualificación outorgada polo tribunal: Sobresaínte cum laude. Remata deste xeito o que fora o traballo de moitos anos da miña vida e a palabra que vén á miña mente é unha soa: agradecemento; teño tanto que agradecer!









                                               María José Martínez Girón



Ningún comentario:

Publicar un comentario