venres, 22 de decembro de 2017

BUSCANDO PALABRAS



HOMENAXE A XOHANA TORRES


 (Retrato de Xohana Torres feito por Laxeiro)


Non queriamos que rematase o ano sen dedicarlle unha pequena homenaxe á escritora e académica Xohana Torres, falecida este outono aos 85 anos de idade. Os que fostes alumnos meus en segundo de bacharelato relembraredes talvez que a estudamos moi de esguello, porque o programa de literatura de segundo bach. é excesivamente amplo e non dá tempo a velo todo nin moito menos. Aproximarámosnos a ela na súa faceta de dramaturga pertencente á xeración dos anos 50, aínda que foi na década dos 60 cando publica obras como A outra banda do Iberr e Un hotel de primeira sobre o río, ademais de escribir sobre Stanislawski. E porén, Xohana Torres foi máis coñecida como poeta e narradora. O seu poemario Do sulco (1957) inaugura a colección Illa Nova de poesía de Galaxia.

 (Foto tomada de Internet)


Para a nosa pequena homenaxe escolleremos a súa novela Adiós, María (1971), obra coa que gañou o Premio Galicia convocado polo Centro Gallego de Bos Aires. A novela, bastante interesante a nivel técnico (un plano no que se pode dicir que consolida os logros formalistas da xeración denominada Nova Narrativa Galega), ten protagonista feminina –algo nada corrente na narrativa galega da época- e toca un par de temas clásicos na nosa literatura: a dialéctica contexto urbano/contexto rural, e o tema da emigración a Europa.

A Real Academia Galega –Institución na que a autora compostelá entrara a proposta de X. Luis Méndez Ferrín e Salvador García-Bodaño-  ten á vosa disposición varias páxinas onde podedes ler máis datos valiosos da vida e obra desta figura senlleira das letras contemporáneas (por exemplo, en http://academia.gal/tribuna tendes a homenaxe que lle  fai Luz Pozo; e tamén podedes ler o seu discurso de ingreso na Academia, en: http://academia.gal/documents/10157/27090/Xohana+Torres.pdf).

O Concello de Santiago celebrou este ano o I Premio Xohana Torres de ensaio e creación audiovisual.

Damos paso, pois, a unha pequena mostra de amor polas palabras de dona Xohana. Todas pertencentes á súa novela Adiós, María. Adeus tamén a ela, séxalle sempre a terra leve. A ela, que soubo mirar a paisaxe, como Castelao, polo menos dúas veces, porque sempre hai moito que mirar na paisaxe:



“Hoxe, xa de volta das grandes mareas, declaramos que a vida non é sempre unha travesía ben informada, hai moitas maneiras de ver os mapas, pero ben ve o que mira dúas veces a mesma paisaxe.”



(Do seu discurso de ingreso na RAG, 2001).








UNIDADES FRASEOLÓXICAS DA NOVELA ADIÓS, MARÍA.



Á ceavoga ‘nunha especie de equilibrio, de ten con ten’: E esta muller no intre que lle pete: Colisión, Maxa, ti neste mar mantente á ceavoga. A expresión procede da linguaxe mariñeira.



A paparrandona ‘de forma cómoda e distendida’: E por vós, ala, a tombarse á paparrandona. A frase acha a súa xusta correspondencia no castelán a la bartola (dun feliz e despreocupado Bartolo). Pero o étimo da nosa frase non está tan claro, inda que é de supoñer que garda relación coa familia de espapallarse/espaparrullarse, polo sema común de ‘(es)tenderse’.



Aguantar mecha ‘resistir’: As horas mortas e aguanta mecha sen poder coller o sono. A palabra mecha presenta un étimo pouco claro no libro de Corominas (ese grande lexicógrafo catalán): talvez do francés, talvez non; documéntase desde antigo en portugués. Pode asociarse sen grandes problemas á familia galego-portuguesa de mesturar, mestura, mesto, mecho. A mecha facíase fiando, mesturando ou trenzando, varios cabos.



Andar á pedicha ‘andar a pedir, estar en situación de penuria’: Como cambian as cousas, quen llo ía dicir cando andaba á pedicha.  A voz pedicha, un membro coloquial e pouco usado, da familia de pedir, admite en galego variantes como pedincha e pedigalla. En castelán podiamos dicir andar lampando.



Andar de cebola ‘estar sen facer nada’: Hai homes que se pirran pola vagancia e outros que non serven para andar de cebola).  Lemos no DdD (concretamente no dicionario de Valladares, 1884) que estar de cebola era estaren de folga os empresarios ou industriais por falta de traballo, e vemos no de Eladio Rodríguez que tamén podían estar de cebola os traballadores, viña sendo estar no paro. Quizais por iso nesas familias no paro non entrase moito de comer, e –sempre nun supoñer- era a cebola un dos poucos e humildes alimentos cos que se contaba.



Ao zorro ‘de esguello, con disimulo’: Mirando ao zorro. Aínda que en galego temos moitas voces coa raíz zorr- (co sema ‘arrastrar, rozar’, sema que funciona como base semántica da acepción derivada ‘raposo’ que pasa do portugués ao castelán), esta frase implica raposería, logo hai que considerala un castelanismo  fraseolóxico (moi integrado no dominio lingüístico do galego, doutra banda; aparece na obra de Otero Pedrayo –onde rexistramos tamén a variante a zorro, frase que non se documenta para nada no dominio central hispánico, polo menos nos córpora fundamentais, CREA e CORDE- , por citar outro caso paradigmático).



Cascalas fervendo ‘afear a conduta, reprender’: E cascoullas fervendo, e con toda a razón, os homes son inxustos moitas veces. Aparece aquí esa forma en feminino plural tan frecuente na fraseoloxía: pillalas no aire, estar a velas vir, hasmas pagar todas xuntas, facer das súas etc. En principio, pódese pensar na elipse de cousas. Aínda que hai casos en que o substantivo elíptico claramente é outro: de nenas cando queriamos facer un xuramento cruzabamos os índices diante dos beizos e pronunciabamos a frase por estas!; aí o substantivo elidido é cruces. O verbo cascar ‘botar, lanzar’ con este mesmo sentido, ‘botar, lanzar’, usabámolo nós de rapazas no Instituto, cando diciamos en castrapo (medio galego, medio castelán) le cascaron/te van a cascar un carolo, é dicir, levou/vai levar un cero.



Cheirar mal ‘ser ou resultar sospeitoso, provocar receo’: Con razón cheiraba mal o asunto.



Comerlle a boroa ‘tomar o pelo, facer mofa de un’: Oes ti, Pancorvo, non me comas a boroa pois nese plan non me coñeces e a miña familia, coidadiño. Nos distintos idiomas as frases con este valor adoitan ser curiosas; por exemplo, en inglés din “tirarlle da perna”; no español de Colombia din “mamar gallo”; en español peninsular “tomarle el pelo”. Algunhas suscitan imaxes un tanto surrealistas talvez pero sempre indican algo que amola. Botamos mán tamén do verbo comer nunha frase de significado en parte sinonímico: non me comas a moral. E cando parece que é o fátum o que nos toma o pelo, dicimos en castelán que nos comen los demonios/los nervios.



Coma da noite para o día [Pondera unha diferenza ou cambio]: Menuda diferenza coas nosas, como da noite ao día. Hai variante sinonímica: coma do vivo ao morto.



Coma unha lapa ‘con insistencia, de maneira que é difícil desapegarse’: De agora en adiante Maxa de azacana co Petigrí pegado a min coma unha lapa. O mesmo concepto pode expresarse doutras formas: Coma un arneirón, coma un can ao cu, coma un lambizo, ser unha lendia. O lambizo é un fiacho que se desprende dunha tea e se apega á roupa.



Cos nervios de punta ‘en estado de excitación nerviosa’: Curva o lombo coma si fose un gato e sigue na silla. Triquitá triquitá. Eu cos nervios de punta.



Dar quince en raia ‘avantaxar, mostrarse superior’: Quén lle gana de listo, e dime: Ti con ser máis nova que lle dás quince en raia. En castelán diriamos dar punto y raya, dar quince y raya ou dar sopas con honda; unha frase sinónima en galego é dar punto e raia. Procede dun dos xogos da pelota.



De andarico ‘andando ou movéndose decontino’: E canta e batalla todo o santo día, de andarico de enriba para abaixo. A palabra andarico, que non figura no DdD, presenta un sufixo afectivo-diminutivo, -ico, que aparece noutras ocasións flexionado en feminino plural e cun valor dimintutivo-desprezativo: caguicas (DdD), choromicas (DdD), laricas (DdD), mandaricas (oído a falantes de San Pedro de Nós, Oleiros, A Coruña: é unha mandaricas ‘mandona’), mexericas (DdD), queixicas (no DdD só figura a var. en singular, pero no noso acervo é en plural, e documéntase así tamén na obra de Alfonso Álvarez Cáccamo). Pode conmutar pola variante –uscas, que se nos antolla como  pertencente a un estrato lingüístico máis antigo: meduscas/meducas (DdD) (cfr. castelán miedica: inda que nós, no castelán da Coruña, sempre oímos miedicas, supoño que por asimilación ao paradigma en plural arriba citado).



En mala hora [Dise para lamentar un feito que se expresa a continuación]: En mala hora se vos ocorreu nomear a defunta. Na lingua medieval poderíase dicir en forte ponto (relembremos aquel famoso e fermoso poema de Pero da Ponte: Senhor de corpo delgado /en forte pont’eu fuy nado!/ Que nunca perdi coydado/ nen afan, des que vus vi...).



Encherlle o nariz ‘cansar, enfastiar’: A insospeitada rabia que me enche o nariz.



Erre que erre [expresa insistencia]: E el erre con erre que un home é un home, qué recorcio, xa. É un castelanismo. En galego podemos expresar este concepto con estoutras frases: E el cerne en que un home é un home..., dálle que dálle, arre do(s) demo(s) (que), terne que terne, veña e dálle, volta e dálle...  En Cunqueiro tamén documentamos terlle que terlle.



Estar á orde do día ‘ser cousa frecuente ou común’: Que os accidentes, dixo o Káiser, están á orde do día.



Facerlle o caldo gordo ‘colaborar, favorecer os intereses de alguén sen o pretender’: Así, así, que eu non lle fago o caldo gordo a ninguén das alturas. Úsase tamén en castelán. Evidentemente, o caldo gordo é o que ten moita substancia. A primeira documentación da frase en uso metafórico que se documenta no CORDE é de Sarmiento, 1772: “Eso no lo saben los mentecatos; y sólo con estos se ha de hacer el caldo gordo de nuestra fortuna”. Curiosamente, en galego vello a primeira documentación da frase é nun alcume: mando quod illa hereditas quam comparaui de fernando caldo groso in prestimonio de villa noua (Corpus Xelmírez, 1283).



Fíate e non corras [é unha chamada á desconfianza]: Ela díxome: fíate e non corras, eu a tipos así doulles a silla eléctrica. A frase é suficientemente coñecida e garda certo valor irónico. Menos familiar pero ao noso sentir de alta fermosura, é aqueloutra frase proverbial onde aparece unha voz galega en desuso, fianza ‘confianza’. Fianza en Deus, que é santo vello. Vedes que subxace a idea de que ser vello é un grao.



Manda castaña [expresa admiración ou estrañeza]: Manda castaña ver a un home tan sosegado inflar nun pronto as veas das tempas. Coa castaña hai moita fraseoloxía, e é lóxico, sendo como é un froito ancestral, establecido no noso territorio desde hai milenios. Cando visitamos os xardíns botánicos de Kew, preto de Londres, chamáranos a atención ver escrito debaixo dun grande castiñeiro o adxectivo hispánico, como dando a entender que por aquí está a orixe desa planta (ou quizais o cartel se refería a unha variedade concreta). A nosa nai usa moito a expresión toma castaña!, no dobre sentido de chínchate, amólate  (galego antigo tómate desas, que son camoesas, onde xogamos con outro froito) ou no sentido de ser un o amolado: hai que amolarse...

 (Castiñeiro nos Reais Xardíns Botánicos de Kew; foto tomada de Internet)



Medias tintas ‘feitos ou palabras pouco claros, ambigüidades’:  Fala así esta muller, coas frases en cortado e non remata a frase, tampouco sabe a seguinte por onde vai coller porque a ela lle gusta enormemente andar con medias tintas.



Nin auga nin pescado ‘ser indeciso, non ter opinión definida’: Cando aquel viúdo negro di [ao can] Ricurita, ¿ qué pasa, a ver, qué?, todas rebozámo- nos no chan con tanta gargallada, eso é non ser nin auga nin pescado. Mellor dito sería: nin auga nin peixe. Hai variantes:  ser coma auga a pique, ser un augas mornas, non ser nin carne nin peixe.



Nin polo forro [negación enfática]: Vai para un ano que non vexo as clases nin polo forro. No Grove o forro tamén é a cuberta de táboas con que se cobre unha embarcación. E hai unha frase que di chegoulle ao forro, usada cando a alguén lle chega moi adentro unha recriminación ou un vituperio.



Non se paga con nada [valor pond.; encarece aquilo que se expresa]: Estamos en  Cantador  tranquilos, seguramente dormirei de seguido e isto non se paga con nada.



Non ser pan branco ‘non ser cousa grata’: O conto da soidade non é pan branco, xa cho creo que non. Conmuta por non ser prato de gusto. A fraseoloxía do pan é riquísima. Cóntanse por ducias as frases que teñen ese substantivo como núcleo. Unha das máis bonitas e en vías de desaparición –por iso é que a traemos á palestra- é esta que se documenta nas novelas de fins do XIX: o pan hai que cortalo a todos os coitelos. Frase interesante, que nos recorda a conveniencia de escoitar a todas as partes implicadas nunha cuestión ou debate.



Non ter para pan e mercar estampiñas ‘Gastar en algo innecesario habendo necesidades básicas por satisfacer’:  Pónteme guapa, morena, que imos de gala (...), es un demo Román, ti, sempre igual, si, ho, non temos para pan e mercamos estampiñas. Hai variante: ... e mercar rosquillas. En castelán tamén podemos variar: ...y comprar abanicos.



Nunca digas desta auga non beberei [avisa de que non sempre se pode asegurar que no futuro non volvamos vivir algo desagradable ou pouco apetecible]: Xa vedes como se chega facilmente a isto e non digades nunca desta auga non beberei.



O meu can pillou unha lebre/mosca: Mira ti por onde que nos toca un piso de chiripa, solicitadísimos, vaia, tivemos sorte, o meu can pillou unha mosca. Pode haber variante con lebre como complemento directo de pillar. Hai frases moi curiosas no sistema (na lingua) para expresar con certa sorna este concepto (ou conxunción de semas: + sorpresa + ironía + infrecuente + merecente de celebración). Por exemplo, na Ulloa (Lugo) poden dicir: Unha cruz na pedra! (é dicir, algo que cómpre sinalar para a posteridade, o cal nos recorda as inscricións da alba dos tempos, os petroglifos). E o meu sogro dezao cando tiña a boa e infrecuente fortuna de durmir dun tirón dicía: Partiu o demo unha perna! (enténdese que só así se explica que os malos fados o deixaran durmir...).



O que non vai en laios, vai en suspiros [expresa que unhas cousas compensan as outras] (Catro viaxes, oito francos, cen pesetiñas xustas, a ver Vintín, espílete xa, que se non, o que non se vai en laios vaise en suspiros). En castelán dicimos lo que no (se) va en lágrimas, (se) va en suspiros; en galego tamén se usa o que non vai na maza vai na espadela.



Pola boca morre o peixe [é unha chamada a gardar silencio, a saber estar calado]: Pola boca morre o peixe e qué lle vou facer se non teño aguante.



Poñer os puntos sobre os is ‘aclarar, facer as pertinentes precisións’: Xa me estaba parecendo a min a cousa moi estraña que non puxese (...) os puntos sobre dos is.



Que se mata ‘moito’: Que xogaba no equipo do Instituto e que corría que se mataba co balón.



Quedar a fío (seco) [dise de alguén que se vai ou foi consumindo lentamente]: Pois si, sinxelamente a avoa quedouse a fío seco. Equivale a dicir que alguén quedou coma un paxariño.



Saír(lle) ao paso ‘atallar, cortar; aducir un argumento impugnante’: Se me valera do meu xenio, sería cuestión de saírlle ao paso coma quen non quere a cousa e espetarlle catro frescas.



Saírlle pola tanxente ‘eludir unha cuestión delicada ou comprometida; desviar a atención cara a outro punto ou tema’: Falta por saber para que aplica este refrán (...), un disimulo para saírlle á vella pola tanxente. Expresión sinónima: darlle ao rabo, unha frase que nos recorda moito outra próxima na forma: darlle o rabo. Na boca da miña sogra (de Santa Mª de Cortegada, Silleda), significa ‘dar mal pago’ (Confiaba en que lle daría montes e moreas e deulle o rabo).



Sen bodoques ‘con simplicidade e clareza, sen adornos’ (O conto non marcha, explico o asunto todo de pe a pa e nada de bodoques). No noso acervo, un bodoque é unha especie de círculo en relevo bordado: os bodoques, no que nós sabemos, bordábanse sobre todo nos embozos das sabas; eran, xa que logo, uns adornos; de aí o uso figurado, sen bodoques ‘ sen adornos, sen ambaxes, sen retórica’; chama a atención o sufixo –oque, como en alcroque, badulaque [de badulacar], belitroque, croque, milicroque, palitroque, rebiricoque, tiruleque; xulgámolo variante de –oco, con valor próximo ao despectivo, parece prerromano.





Ser o amo do nabal ‘ser o que manda’: Non morre por pasar un día sen comer, o derradeiro sábado chegou ás dúas e vinte, ese vai saber hoxe quen é o amo do nabal. Variantes: Ser o amo do baile/mundo



Ser un pouquiñas ‘ser un pusilánime’: Para min que este señor don Caitano Alonso é un pouquiñas que está dándose a valer diante de nós. A frase ten un claro valor despectivo. Equivale a ser un ninguén (que vai para ningures). E hai unha chea de variantes sinónimas co nome de Xan, con todos os nosos respectos para as persoas que foron bautizados co nome do discípulo máis amado... (Un (beato) Xan de mantelas, Xan das bragazas, X. das polainas, X. de debaixo da cama, X. de riba do forno, Un xaniares, un xaniño, un xanzolo, un Xan Las, un Xanlá).



Subirse aos touciños ‘arrepoñerse’: Calma, Maxa, para que vas subirte aos touciños, non servirá de nada. Tamén  podemos subirnos á parra, ás nubes... “Subirse aos touciños” trae á nosa mente a imaxe das carnes da mata colgadas ben alto para que non poida pillalas o gato... e para que lles dea ben o aire que has ha conservar. A frase fixo que relembrásemos aquel refrán que di: “Onde (se) pensa que hai touciños, non hai ganchos [ou tornos] para colgalos”, e tamén estoutro parello: “Onde se pensa que hai touciños, non hai corres”, refráns de uso apropiado cando se alimentan vas ilusións.



Todo se andará [Pode expresar confianza en que algo acabará sendo no futuro, ou pode servir para acougar ao interlocutor]: Pero calma, Maxa, que todo se andará.



Untarlle o bico ‘subornar’: Úntalle o bico para telo en forma adecuada de axuda efectiva cunha caixa de puros habanos. En galego temos máis formas de expresar este concepto: col. Engraxar o eixe, untar as mans, untar as rodas, untar o carro, untar o eixe (ao carro).



Xogar coa perilla do embigo [Expresión de rexeitamento cando nos amolan ou enfadan]: E miren, se queren entreterse, a xogar coa perilla do embigo, ¡contra xa!. As variantes fraseolóxicas sinónimas son infinitas ou case. Desde a frase galega: Ir rezar (a salve mariñeira) ata a castelá Ir tomar viento a la farola.


 (A filla de Xohana Torres, Andrea Ellacuría, recolle o Premio da Cultura outorgado á nai a título póstumo, de mans do Presidente da Xunta de Galicia; foto tomada da páxina Web da Real Academia Galega)


2 comentarios:

  1. Moitas grazas! Mérito dela, desde logo, que soubo ser fiel ao que mamou, se me permite a expresión.
    E feliz Aninovo!

    ResponderEliminar