domingo, 31 de decembro de 2017

GALICIA



GALICIA INMORRENTE


VERBO DE SAN ROSENDO


(San Rosendo, imaxe labrada no coro baixo do Mosteiro de Celanova, Ourense. Foto tomada de Internet) 

Hoxe quérovos falar dun tema meu favorito: se xa me gusta de seu a haxiografía en xeral, tanto ou máis me gusta saber da vida e milagres dos santos galegos en particular. Na familia de san Rosendo houbo varios. Santa foi a nai, Ilduara (modernamente dirase tamén Aldara) e santa a súa irmá, Adosinda. Neste ano que remata xa, 2017, cumpríronse 1110 anos do nacemento de san Rosendo. É fermosa a cifra, e ten mérito a pervivencia, a memoria gardada durante tantos anos daquela xente boa que nos precedeu. Non está exento de controversia o lugar exacto onde naceu o noso santo. Enrique Cal (arquiveiro ilustre da Catedral de Mondoñedo, un dos sabios venerables que Galicia deu, persoa de trato cordial a quen nós –unha servidora e mais a súa amiga Uxía López Meirama- visitaramos en tempos, aló enriba, no curuto da torre... rodeado de libros, e de obxectos curiosos, como aquel par de belidos zapatos do século XIII que nos amosara...), a quen seguimos en parte, na obra Episcopologio Mindoniense dinos que o que fora bispo mindoniense e padroeiro desa diócese,  nacera en Salas e que Salas hai que identificalo cunha aldea de san Tirso, distrito do Porto, en Portugal actualmente, aínda que daquela (ano 907) era territorio galaico.

(O arcanxo san Miguel anuncia a Aldara Eriz que será nai de san Rosendo; coro de San Martiño Pinario, Santiago de Compostela. Foto tomada de Internet)


Os pais de san Rosendo foron o Conde don Guterre Menendez e dona Ilduara Eriz e cando se fala da historia desta familia fálase dos alicerces, dos fundamentos da nobreza do Noroeste hispano nunha etapa tan ceda como son os albores do século X.  Humano é sentir orgullo por ter un pasado glorioso. Nos tempos en que vivimos, en que o modelo político é a democracia e a igualdade ante a lei, pode parecer estraño basear na vella nobreza algunha raíz gloriosa, temos moi esquecido talvez o significado de ser unha persoa ou unha familia de nobre orixe. E porén, todos sentimos pracer inmenso e alegrámonos nun libro ou nunha película cando a bondade de ánimo e o esforzado corazón do heroe saen beneficiados e atopan o xusto pago ou son finalmente ben valorados e apreciados. Cando estudamos que un noso concidadán ten un comportamento heroico celebrámolo e admirámolo. A min persoalmente cando algunha persoa próxima mal informada me di e que fixestes na historia os galegos?, síntome non direi ferida mais si tocada no vivo. Espero que me comprendades e me permitades sen máis seguir adiante. Moitas veces téñovos dito, aos que fostes alumnos meus de primeiro de bacharelato algo importantísimo, algo que eu lle lin a Rodrigues Lapa hai décadas: A arte, coma a morte, é igualadora, e así, a carón de Don Dinis e do chamado Rei Sabio, pasaron a historia Mendiño, Pero Meogo e outros poetas, grandes inda que moi probablemente de humilde orixe. Pero non habería esa magna literatura lírica sen casas fortes, casas nobres que fosen núcleo e sostén dese facer poético, empezando polo pazo arcebispal, onde se documenta de antigo a presenza de xograres, e seguindo polas casas dos Traba, Esquío, Briteiros etc. E relembrade tamén que máis adiante no tempo, quizais non habería Quijote sen o apoio explícito do grande señor da nobreza galaica, o de Lemos.

 (Mosteiro de San Xoán de Caaveiro, onde se localiza a lenda "O salmón de san Rosendo". Foto de Internet)


Para internarnos na mesta fraga da familia de san Rosendo seguiremos, entre outros, o camiño que trazou o ilustre profesor Eligio Rivas Quintas en “A familia rosendiana orixe da nobreza”, conferencia impartida en Pontevedra no ano 2005 e publicada en Estudios de Genealogía Heráldica y Nobiliaria de Galicia, Boletín nº 4, 2005, pp. 25-50.

O avó de san Rosendo, o conde Hermexildo ou Ermenexildo Guterrez, foi cabaleiro principal do rei Alfonso III (866-910) e ao servizo dese rei conquista do poder musulmán a cidade de Coímbra no 878; por esa razón, dinos Rivas Quintas, é polo que a familia ten posesións nas ribeiras do literario río Mondego. Unha tía de Rosendo ou Rudesindo, Elvira, casa co rei Ordoño II e un fillo destes, curmán seu, Sancho Ordóñez, será nomeado primeiro rei de Galicia (logo será titulado rei de León). E, ademais, Adosinda, filla de Ildoncia, outra das irmás do pai de Rosendo, casa con Ramiro II. Así que xa vedes que estreita relación hai entra a realeza e a familia do noso santo. Interrógase o conferenciante sobre a orixe do patrucio, o conde don Guterre:  “non sabemos de certo onde naceu don Guterre, mais, a falta de outros datos, e con tal arraigo familiar no val formado polo río Sorga ó desaugar na Arnoia, podemos pensar que esta sexa a terra de orixe. Os bens territoriais de don Guterre (Pallares, 95, 113) están mormente na parte meridional de Ourense e contorna limítrofe raiana, sobranceando as decanias de Sorga, A Limia, capite Limie con Calvelo que ha de cadrar co Villarino citado nalgún documento e Caldelas. É onde o seu patrimonio aparece máis concentrado” (p. 26). 

 (Capitel con leóns antropomorfos de San Martiño de Mondoñedo, a vella sé dumiense onde fora Rosendo bispo; foto de Internet)


 Aquela época altomedieval non era boa época para vivir a xente do común, pensamos desde as nosas alturas do século XXI. Había servos, había guerras, había un montón de gravames, cargas tremendas sobre os ombreiros do home de a pé. Certo que tamén había mecanismos liberadores: sabemos, sen ir máis lonxe, que san Rosendo manumitiu o seu servo Miza no ano 943. O dato facilítanolo o erudito historiador e novelista Antonio López Ferreiro en Fueros Municipales de Santiago y de su tierra. Fixémonos no nome Miza: parece unha variante de Muza, ou Musa na tradición española, o caudillo árabe que participara na invasión do 711 e que fora o primeiro valí ou gobernador de Al Andalus: e si que era moi verosímil unha procedencia do sur para este servo, non esquezamos que había escravos no Califato de Córdoba e habías no norte cristián, xa os había con Roma e ségueos habendo, e tardará a sociedade aínda centos de anos en erradicar esa execrable laceira.

Eran frecuentes tamén naquela sociedade as tensións e os preitos pola posesión da terra. Os nobres caracterizábanse en xeral pola impudente e cruel rapacidade (palabras de López Ferreiro) e a igrexa, tamén sempre se asociou aos opresores (palabras do mesmo L. Ferreiro). Agora ben, como nin todo é branco nin todo é negro, debemos oír as palabras dalgún grande historiador cando intenta resumir a acción lenta pero constante dos tres principais factores que neste período traballan a prol dun cambio radical nesa sociedade: A Relixión, que fai iguais os homes ante Deus, a Monarquía, representante e instrumento da unidade social, e o municipio, gran medio de cohesión espontánea das familias, único antemural que tiñan os humildes e débiles contra os fortes e poderosos, foron causas positivas e perpetuas de organización política, e xa que logo, do desenvolvemento progresiv o da liberdade persoal (Alexandre Herculano de Carvalho, en Historia de Portugal, t. III, p. 391). Cita Herculano o caso paradigmático do prior de Santa Cruz de Coímbra, san Teotonio: cando volvía o rei portugués Alfonso I dunha razzia por terra de mouros traendo consigo grande número de escravos mozárabes cristiáns, fervéndolle o sangue saíu do claustro do que rara vez saía para increpar duramente o rei e tanto fixo coas súas exhortacións que conseguiu que os liberasen.

Quérese dicir con isto que o traballo dun xerarca da igrexa como o galego que nos ocupa podía ser moito e grave. Certamente a san Rosendo non lle faltaron traballiños. Rosendo adquire o goberno do bispado iriense-compostelán á morte de Sisnando II (arredor do 970). Antes, xuntos concorreran ao Concilio de Navego (no 969) onde se tratou da fundación –por parte dun curmán de Rosendo, Osorio Gutiérrez, chamado polo pobo o Conde Santo-  do mosteiro lucense de San Salvador de Lourenzá. Ese mesmo ano os normandos ou viquingos invaden e asolan Galicia, chegando ata o Cebreiro, mais nos arredores de Santiago a desfeita foi indicible, e iso que xa había murallas (posteriormente serán reforzadas e engadiranse torres defensivas, como as dúas que constrúe o bispo Cresconio no XI). Nesas é cando morre Sisnando, batallando contra o normando, tras poñer a bo recado o corpo reverenciado do apóstolo. Moito se barallou e fabulou contra Rosendo pola prisión en que estivo Sisnando pero hai que considerar que algo de calumnias debeu haber: o coñecido historiador Padre Flórez reivindica o noso santo (con todo, nalgures lemos que Sisnando levaba unha vida disoluta [Sisnando pertence a outra das grandes familias galaicas altomedievais, emparentada coa de Rosendo: os pais, Hermenexildo e Paterna, serán os fundadores do Mosteiro de Sobrado; tendo en conta que daquela a elección dun bispo era en grande medida unha imposición das grandes familias, non se pode descartar que as acusacións de depravación moral agachen loitas de poder sen máis]  e é verosímil que Rosendo o denunciase: o Cronicón Yriense dinos que Sisando acomete a Rosendo cando este descansaba no dormitorio con outros clérigos afíns). Recordade que ser elixido bispo é ser revestido dun inmenso poder, socio-relixioso, militar e económico (encontramos nas páxinas dun francés experto na Idade Media, François P. G. Guizot, estas palabras sobre o poder dun bispo: o bispo viña a ser nesas cidades [nas que era electo] o xefe natural dos seus habitantes, o verdadeiro maire [alcalde]), de onde se deduce que a súa elección podía ser unha auéntica rifa. 

 (Imaxe de pinturas románicas de San Martiño de Mondoñedo; foto de Internet)


A Rosendo, xa vos digo, non lle faltou que facer: As loitas entre Ordoño III  e o seu irmán Sancho arrincan a Rosendo da paz do mosteiro de Celanova. Ordoño confía nel para a custodia das terras entre Riocaldo ata Ortigueira no 955. Logo, tras varias loitas intestinas e envelenamentos (como nos dramas shakesperianos: igual aquí na monarquía astur-galaico-leonesa), a finais do 966, o neno Ramiro III faise cargo do reino baixo a tutela da tía paterna dona Elvira, quen encarga a Rosendo que pacifique Galicia. É daquela cando ten que loitar con árabes –que acomenten desde Portugal- e normandos –que invaden e saquean as costas de Galicia. Hai datos suficientes como para pensar que un bispo tiña un pequeno exército ao seu servizo. Recordemos o refrán galego antigo: O bispo de Santiago, báculo e bésta (é dicir, nunha man o poder relixioso, na outra o poder das armas).

Finalmente é nomeado bispo iriense-compostelán. Na sé mindoniense (foi bispo dumiense ou mindoniense entre 925-942?) o seu sucesor foi o seu sobriño Arias Núñez, quen apoia a sublevación de certos nobres contra o rei e este acaba por metelo en prisión (de feito hai historiadores que din que o que se comportou indignamente non fora o bispo Sisnando, senón este Arias Núñez). Daquela chama por Rosendo, que estaba en Celanova, para que volvese tomar as rendas do bispado dumiense, cousa que fai entre os anos 955-958. Co cambio de monarca, sae Arias Núñez do cárcere e ben voluntariamente, ben porque foi ameazado de morte, san Rosendo retírase definitivamente a Celanova, onde morre con 70 anos de idade.

 (Lápida romana que apareceu na igrexa de Santa Mariña de Asadur, situada no Val do Medo; é unha das primeiras fundacións da familia rosendiana; foto tomada do Boletín nº 4 citado, do artigo de don Eligio Rivas Quintas)

E volvendo ao artigo que nos inspirou e ilustrou para este escrito de hoxe: enumera e estuda con detemento Rivas Quintas o espazo fecundado polas fundacións da familia rosendiana, favorecida esa expansión polas relacións rexias. Por exemplo, unha das primeiras fundacións sitúase no nacemento do Arnoia, na Serra de san Mamede (antes chamado, e iso sabémolo precisamente por escrituras do Mosteiro de Celanova relacionados co seu fundador, san Rosendo, e mais tamén cos seus pais, Monte Toro); ese espazo será logo denominado foro de Cova Arnoia do Mosteiro de Xunqueira de Ambía e no século XVI terá “once malladas de gandería” ao seu servizo. Estas terras, ricas en arqueoloxía, ricas en todos os sentidos, ben bañadas polo río Arnoia e outros ríos menores como o Tioira e o Sor, estas terras ollaron e asistiron aos múltiples asentamentos relixiosos da familia rosendiana: San Pedro de Maus, Vilariño de Lama Má, Xocín, San Xoán de Vilar de Cas, Tioira, A Couzada (dunha calzada romana), Santa Mariña de Asadur, San Miguel de Ramil, Bustavalle, Zorelle, Maceda (da casa de Maceda nacerán o galego que críará o neno Alfonso X), Casasoá, Sª Mª de Donfranque (dun nome de abade, don Franquila), Almoite, Nocelo, Guamil... En ocasións, as fundacións rosendianas retoman unha actividade mística, relixiosa ou eremítica previa: dinos Elixio Rivas que é moi posible que fose aquí, no Noroeste, onde se ache o modelo máis primitivo na península da vida cenobítica, en soidade contemplativa e/ou comunicativa con Deus.

Inda que por veces resulte difícil seguir o fío desa conferencia, a nós gustounos moito, porque o señor Elixio Rivas sabe salferir con datos interesantes a súa disertación xenealóxica, nesa busca e procura dos devanceiros da familia de san Rosendo a través dos matrimonios e historia complexa no decorrer dos séculos. Importa talvez subliñar a idea de colaboración familiar. Unha colaboración cuxo froito máis destacado é a fundación do Mosteiro de Celanova. Hai documento de doazón do seu irmán Fruela para a fundación de Celanova (doa un lugar que antes se chamaba Villare et debint vocatur Cella Nova;  iso ocorre no ano 936, o mesmo ano en que san Rosendo e o bispo de Lugo, Ero, consagran o dezao mosteiro de san Lourenzo de Carboeiro).

(Este Xoán de Novoa, un descendente da familia rosendiana, foi señor aló polo s. XV de Macenda de Limia, Sandiás, Couso de Limia, Parada, Ribela e Alba; sitiou ao señor de Lemos na catedral de Ourense e foi fiel -como outros nobres galegos, sempre lexitimistas- á raíña dona Xoana, por mal nome 'A Beltranexa', e con iso vémolo logo ao servizo da coroa lusa navegando á India, e é así como descobre as illas de Santa Helena e Ascensión. Foto tomada do Boletín nº 4 citado)


Explica tamén Rivas Quintas que en Vilanova das Infantes é onde reside a familia máis de asento, é desde onde rexen e administran as extensas terras e atenden ás fundacións feitas. Xa viúva, a nai de Rosendo, dona Ilduara funda aquí un cenobio familiar, ao que ela mesma se acolle, e quizais tamén Adosinda e outras infantes da familia –porque daquela infantes é forma común para os dous xéneros, inda non flexionara no feminino infanta.

:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::

Notas:

. A prestixiosa historiadora da Galicia altomedieval Mª Carmen Pallares Méndez, cuxo traballo Ilduara, una aristócrata del siglo X é citado por Rivas Quintas, foi alumna no bacharelato do noso Instituto. Con gusto dedicarémoslle a nosa atención noutro momento.


. San Rosendo vincúlase tamén ao mosteiro eumés de Caaveiro, do que foi tamén fundador. En Leyendas del Kilovatio Gallego, libro de Ramón García Fontenla, figura unha preciosa lenda-milagre a el atribuído: cando vivía nese lugar, un día duro de inverno asomouse Rosendo á fiestra e vendo o  tempo inclemente dixo enfadado: Que tempo tan malo! E ao que o pensou, xa se arrepentiu da súa soberbia (porque, como alguén lle recordou, todos os días son enviados por Deus), e daquela colleu e puxo o cilicio, pechouno e guindou ao río Eume a chave. E así, penando, pasou un tempo. Entón chegou un día en que uns pescantíns pediron permiso para gorecerse no mosteiro da chuvia e en pago da hospedaxe puxeron as súas capturas á disposición dos eremitas e cando Rosendo abriu o salmón que lle correspondera viu que dentro estaba a chave do cilicio e así soubo Rosendo que Deus o perdoara. A lenda ten conexións innegables con certas tradicións celtas que agora non veñen ao caso. O insigne latinista Díaz e Díaz ten un libro sobre os milagres do noso santo (Vida y milagros de San Rosendo, un libro que nos propoñemos ler no 2018).

:::::::::::::

 (San Martiño dumiense, ou de Mondoñedo, onde fora bispo aqueloutro grande santo vindo da Panonia, do que falamos neste blog noutro lugar. Terra fermosa que haberá que (re)visitar na primavera. Foto tomada de Internet)

Ningún comentario:

Publicar un comentario