venres, 1 de decembro de 2017

LENDO A



LENDO POETAS VIVOS

 (Poetas di(n) versos: Ferrín e Zurita. Foto tomada de Internet, da páx. do Concello da Coruña)

Ás veces penso e digo que o verdadeiro milagre –salvando o amor- é estar vivo. Supoño que todo o demais por engadido. Pero son pensamentos que non se poden dicir moi en voz alta porque se o interlocutor está enfermo ou ten próximo un ser querido enfermo, dirache rapidamente que o primeiro de todo, antes có amor, é a saúde. E porén, un blog pode ser un espazo suficientemente íntimo como para ser un mesmo, ser sincero ou sincera e compartir pensamentos talvez discutibles pero sentidos. Esta vez falo así porque participei minima, fondamente, dunha velada auténtica de poesía, na Ágora coruñesa, presentada por unha das mulleres novas e vivas de Galicia, Yolanda Castaño. Díxenlle, en petit comité: “Estiveches no Salón de Actos do Eusebio... Como recitas... Coma un anxo. Que grandes mulleres deu Galicia!”. E Xosé Luís, que estaba presente, levoume a contraria e dixo: “Tamén as hai malas”. “Tamén”, debín admitir. Porque quizais toda xeneralización é impertinente de principio. Tampouco pensedes que lle fago moito caso aí a Ferrín. Sei que ama as mulleres e coñezo as mulleres que saen da súa pluma: a súa Fría Hortensia é un paradigma eterno de forza, solidez e mito. Inmorrente como a súa obra. Antes, baixando pola rampla dixéralle eu que o encontraba xenial de aspecto físico, ben levadas as sete décadas. Sete. E por oílo falar algo, breve sempre o tempo, interrogueino ao respecto: “Non terás ti, acaso, como dixo que tiña unha muller estupenda que todos coñecemos..., quen, cando lle preguntaron se tiña pauto co demo respondeu «Non, co demo non, teño pauto con Rosalía», pauto tamén con ela, con Rosalía?” E contestoume: “ Eu teño pauto con Curros, o máis rabudo de todos”. Fíxome rir. Inda me dixo máis: “Como?, non coñeces a obra de Zurita? Faime caso, tes que lelo, é un dos grandes”. Un consello sabio, así volo transmito agora tamén a vós. Collín dous libros del e téñoos na mesiña de luz: unha boa forma de situar as cousas no seu xusto sitio e valor: a carón dos soños, iluminando as tebras.





Da poesía de Xosé Luís Méndez Ferrín apenas vos falarei aquí porque hai voces moito máis autorizadas cás miñas. Se queredes, se me permitides, igual relemos o poema que lle serviu de colofón ao recital, do libro Estirpe, un poema dedicado a Chus Pato e Xabier Cordal. Gústame moito a min ese libro: dáse nel unha especie de re utilización?, recreación, volta á xénese do idioma, coma se intuíse que o substantivo é anterior ao verbo, a fonética anterior á sintaxe: como se intuise que amar é volver nacer, e con iso, destruír. Destrúe a gramática. Volve ás raíces poderosas. Aos estratos primitivos, prerrromanos, precristiáns, preindoeuropeos en certa arte ou medida. Colofón: tres cuartas partes de substantivos, só unha cuarta parte de verbos. E un claro afán de tocar a alba de nós. Subxace un mito: a patria negada non é negada se falamos unha vez máis as palabras orixinais. Cabalística estirpe que cabalga na espiral do tempo e o espazo. 



Raúl Zurita comparte con Xosé Luís a necesidade de amar: comparten seren amos da creación poética. Ambos son apreciados nos seus países e nos seus dominios lingüísticos. E comparten a experiencia da deshumanización extrema: en maior ou menor grao sufriron a tortura das ditaduras franquista e chilena. Cando as luces da casa se volveron de veludo lene, cando o público desapareceu e o foco se centrou naquel home non alto, algo encorvado, con acenos de baixar a cabeza e desaparecer e pasar desapercibido, cando aquel home se lanzou en maratón, coma un deus celta do mar sobre as ondas que conducen a, cando o poeta elevou álxida a voz, fíxose a terra, fíxose Chile, fíxose a América Nova, fíxose o amor que une os homes bos, fíxose a palabra primeira: a que nomea a auga as praias, a que nomea os Andes con A inicial, a que trae as pedras, as mans, os corpos nus, unha especie de absorción total, unha comuñón en home-Deus-Poesía pura que nos redime algo da crueldade humana. Hai que lelo, tiña razón Ferrín. Que sería do mundo sen a poesía? Velaí a cuestión.

 (De esquerda a dereita: Xosé Luís M. Ferrín, Yolanda Castaño, Raúl Zurita. Foto feita por Charo Soto)

 




Ningún comentario:

Publicar un comentario