venres, 31 de marzo de 2017
Visitando Galicia dende o Google Earth
Feito por alumnos de 4º da ESO para a materia de TIC, dirixidos polo prof. Mario S. García. Este vídeo vai ter boa acollida nos vosos corazóns. Seguro que o desfrutades!
mércores, 29 de marzo de 2017
A NOSA CASA
Rof Carballo na revista Ronsel (Lugo).
Alfredo Chavert Sancho, Eusebio da Guarda, 4ºC.
Juan Rof Carballo (Lugo, 1905 - Madrid, 1994): foi un médico,
escritor ensaísta, membro da RAE (desde 1984), académico da Real Academia
Nacional de Medicina, fundador da Sociedade Española de Medicina Psicosomática e pai desta disciplina. Pertence á Xeración
do 36 e ten case trescentos libros de estudos científicos e algúns poucos con
carácter literario ("Mito e Realidade de Terra Nai" coa colaboración
de D. García-Sabadell en Vigo, ed. Galaxia) e
colaborou nalgúns outros como en "Tesouros Novos e Vellos" de
Álvaro Cunqueiro, a quen lle escribiu o prólogo deste libro. Ingresou no instituto
Eusebio da Guarda da Coruña con 14 anos,
onde estudou ata chegar á universidade, cando foi a Santiago de Compostela para
cursar a carreira de medicina.
Entrei pola porta da Real
Academia Galega, á esquerda estaba unha persoa tras un gran cristal, el saíu e
saudámonos, pregunteille onde podía atopar un artigo dun escritor na revista
Ronsel e el indicoume que subira á terceira planta, onde estaba o arquivo, a
través do ascensor e acompañoume ata que chegou o ascensor e nos despedimos.
Cando cheguei arriba, e abrín a porta do
ascensor, encontreime de fronte coa biblioteca e, dentro, atopábanse os meus
compañeiros que tamén tiñan un traballo a facer pero que foron un pouco antes
ca min porque eu tiña que asistir a unha actividade. Eles estaban buscando no
ordenador aos escritores dos que tiñan que falar, despois deixáronme a min o
ordenador mentres lle preguntaban á profesora de galego o que exactamente tiñan
que buscar mais eu dubidaba en que revista tiña que buscar: Cristal ou Ronsel?,
pregunteille eu tamén á nosa profesora pero quixen ir aforrando tempo e decidín
empezar a buscar pola revista Cristal.
Acerqueime a unha porta preto da de saída da biblioteca e petei nela,
levantouse un home do ordenador e achegouse a min, saudámonos e pregunteille
como podería atopar un artigo de Rof Carballo na revista Cristal, el explicoume
que tiña unha recompilación da revista do número un ao dez e saíu para ir
buscala ao arquivo; ao volver axudoume a buscar ao meu autor ao final do gran
tomo nunha páxina onde aparecen todos os colaboradores da revista e alí nos
estaba. Eu descoñecía a existencia desta páxina e sen a súa axuda seguramente
podería ter estado alí o dobre de tempo.
Tras isto, consultei outra vez o
móbil e a profesora dixo que era na revista Ronsel. Busquei en Internet o
número de referencia dunha recompilación e volvín preguntarlle ao home, que volveu ao arquivo e
saíu con outro tomo, case igual de grande ca o outro, da revista Ronsel:
E axudoume de novo co mesmo
procedemento, buscamos nas últimas páxinas e atopamos o nome do meu autor, mais
no aparecía ni a data en que se publicou a súa obra, o nome desta nin ningún dato
desta clase. O home tentou buscar en todas a partes do libro que non
corresponderan á revista e onde puidese atopar máis datos, pero non foi así.
Como consecuencia tiven que mirar poema por poema os autores (axudoume moito
que os nomes destes fosen máis grandes ca o resto), tamén estaba mirando a miña
compañeira para avisarme no caso de que pasara por alto o nome de Rof Carballo.
O tempo pasou rápido pois atopei algún autores coñecidos ou comentáballes ao meus
compañeiros cousas que me sorprenderon da revista (como que cada unha delas
valía unha peseta).
Listado de colaboradores na fin do libro:
Cheguei ao último número da
revista publicado en 1974 para celebrar os cincuenta anos desde a creación de
Ronsel (1924), e consultamos na primeira páxina desta unha lista de todos os
autores que colaboraran nese número e alí estaba Rof Carballo. Pasei páxinas
ata chegar a unha co título: "Polifemo en Palacio", un ensaio escrito
en castelán polo meu autor, que falaba sobre como Picasso (outro alumno do
Eusebio da Guarda) puido captar, coas súas múltiples versións de "LasMeninas"
de Velázquez, os verdadeiros significados da obra e as mostras de liberdade que
están ocultadas nela (e esaxeradas por Picasso).
Rof Carballo
empeza falando de que foi necesario que outro artista quixese mostrar a súa
versión deste cadro e, de maneira inconsciente e con moita sensibilidade,
mostrase todos os aspectos que Vélazquez ten ocultados na súa obra. Non lle
interesa describir ou comparar a calidade estética das obras, quere demostrar que, tras a perfección da obra de
Velázquez, hai moitas cousas que non poden ver os nosos ollos mais si pode o
noso subconsciente e que se poden observar de maneira máis clara nas obras de
Picasso. Explica que o contraste entre o estilo dos dous pintores é a chave
para saber que expresa verdadeiramente esa pintura, por exemplo, en "Las
Meninas" de Picasso,estas quedan convertidas en cuadrículas que parecen
ter tacto ou volume e, grazas a isto podemos ver que, nas de Velázquez, tamén
existen figuras cuadrangulares e concéntricas, pero están disimuladas:
As liñas vermellas indican as
figuras xeométricas e cuadrangulares que poden apreciarse en ambos cadros.
Outro
exemplo de esaxeración nas Meninas de Picasso podemos vela nas vidreiras da
dereita que, na obra de Vélazquez, deixan pasar a luz que ilumina a escena mais
está oculta entre os cadros e non podemos chegar a vela, a porta luminosa do
fondo etc. Rof Carballo fala da beleza oculta que se atopa tras as
"monstruosidades" de Picasso, aos que chama Polifemos tranquilos, e
que reflicten ás figuras case idealizadas en "Las Meninas", chamadas
Galateas tristes e baleiras. Picasso debuxa un entorno de prisión, propio da
nobreza da época debido ás presión sociais, no que as Galeteas viven presas nun
corpo de monstros (Polifemos).
Critica
tamén á pouca sensibilidade artística que existe, por exemplo nos museos, pois
fálase moito da perfección formal (perspectiva de fotografía estereoscópica
etc.) desta obra pero non ven estas mensaxes agochadas, isto é o que nos cega e
o que nos impide poder ver a realidade.
Distingue dúas maneiras de observar as cousas: observalas co ollo de Polifemo
ou cos ollos de Ulises, a diferenza é que Ulises pode chiscar un ollo e pode
seguir vendo, é dicir, o "ollo" único dunha cámara fotográfica nunca
poderá captar o mesmo ca unha persoa. Destaca tamén que un dos ollos da infanta
vai desaparecendo con cada versión a obra, ata que acaba por desaparecer e
adquire a forma polifémica e reflexiona sobre quen é verdadeiramente o máis
libre dos dous, a Galatea ou o monstro?, a princesa ou o bufón?
Finalmente
explica que posiblemente fose o subconsciente de Velázquez o que deixou estes
segredos e que foi o de Picasso quen logrou ensinalos máis claramente e que,
dentro de cada ser humano hai unha loita interna entre a orde que nos
proporciona unha ilusión de seguridade e a liberdade que rompe os camiños
establecidos. Velázquez quixo buscar a
beleza que se encontra nas pautas e normas da sociedade e que establecen unha
"esencia do belo" determinada, mais tivemos a sorte de que a
realidade máis profunda se descubrise nas pinturas de Picasso.
::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::
ADDENDA:
Rof Carballo foi alumno no noso Instituto. Velaquí a súa ficha, atirada do libro
que publicamos co gallo dos 125 anos de ‘Instituto da Guarda’:
Rof Carballo, Juan: Lugo, 1905-Madrid,
1994. Médico e ensaísta. Con 14 anos a familia trasládase á Coruña e estuda no
Instituto da Guarda. É citado por Emilio
González López como compañeiro de bacharelato, do ano inferior ao seu. Foi
discípulo de Gonzalo Brañas, a quen recorda con aprecio: “En el Instituto había
tenido profesores admirables, Brañas, de Física, que con una modesta
piedrecilla de galena nos abría los ojos sobre el mundo de las ondas
hertzianas”. Cursa a carreira en Santiago de Compostela, onde participa do
labor cultural do Seminario de Estudos Galegos e onde se relaciona coas
personalidades sobranceiras da medicina e da cultura galega. Amplía a súa
formación en distintos países de Europa. Fundou o Instituto de Ciencias do Home e o Instituto
de Medicina Psicosomática e Psicoterapia Médica; autor de numerosas obras
científicas e de ensaio, entre elas destacaremos: Patología psicosomática, Cerebro interno y
mundo emocional, Cerebro interno y
sociedad e Fronteras vivas del psicoanálisis. Foi membro da Real Academia de Medicina, e da RAE,
desde 1984. Entre os galardóns con que
foi honrado figura a medalla Castelao.
(Retrato de Juan Rof Carballo tomado de Internet)
ADDE
Rof
Carb
mércores, 22 de marzo de 2017
VISITANDO
Homenaxe a
Urbano Lugrís
O venres 17 de marzo realizouse no instituto unha homenaxe ao pintor
coruñés Urbano Lugrís dirixido polo profesor Xulio Cuba e o Colectivo In nave Civitas. A homenaxe
comezou coa imaxe do mural “Marineda soñada” que foi pintado hai pouco no
instituto. A continuación, visualizamos un fragmento do documental A
travesía do océano que Iván Patiño realizou en 2014 sobre Urbano Lugrís.
No filme puidemos escoitar a diferentes estudosos do pintor explicando os seus cadros. O primeiro deles foi “Cuarto do vello mariñeiro” que foi descrito como un cadro dentro de moitos cadros, de feito, no seu lateral dereito podemos observar a representación pictórica dunha batalla naval. Tamén escoitamos datos acerca da traxectoria de Urbano Lugrís: durante os anos 1948 e 1949 participou na construción da Capela de Santo Reis (único proxecto arquitectónico da súa carreira) e na década dos 50 entrou nunha época de “creatividade e bohemia” na que tivo gran importancia o poeta Avilés de Taramancos. No ano 1954 participou na revista Atlántida debuxando portadas e viñetas ata a súa censura polo réxime en 1956. Respecto á súa produción artística explicáronnos que unha influencia na obra deste autor foi a lectura de Moby Dick, que inspirou a recreación nos seus cadros dun mar en guerra.
(Foto cedida por Beni Vidal)
Na segunda parte da homenaxe léronse extractos de obras dedicadas ao
pintor. A profesora de lingua galega e literatura Benigna Vidal leu un fragmento
dunha obra de Avilés na que describe a Urbano Lugrís coma “un poeta de expresión
plástica”, a alumna de primeiro de bacharelato Lucía Blanco leu Pranto por
Urbano Lugrís e Jorge Carril leu o poema Alfonso Abelenda pilotando o
grande navío da cidade nas noites da nosa mocidade.
Na terceira e derradeira parte da homenaxe saíron a falar tres membros do
colectivo In nave Civitas. Moncho do
Orzán falounos do influxo de Lugrís na súa vida e contounos que a súa
admiración por el naceu grazas ao seu tío. Denunciou, ademais, o esquecemento que
sofre Urbano Lugrís e o comparou co vello río Caramunchón que foi cuberto por
cemento e que xa ninguén lembra. Despois Teresa Ramiro explicounos a súa visita
ao colexio de Vilaboa que luce murais pedagóxicos pintados por Urbano. Durante
a súa infancia asistiu á escola cos fillos deste pintor e considera que Urbano
Lugrís era medio pedagogo, de feito, participou na misión pedagóxica realizada
por Rafael Dieste na década dos 30 “Teatro de Títeres de Monicroques”.
Xa no final da homenaxe cantaron unha canción composta pola colectivo e explicáronnos
que o día 22 de Nadal, con motivo da súa norte, van pola rúa gritando consignas
como “O que pintou a Marola, pintou a mar tola” ou “Menos derrotismo e máis surrealismo”.
Para rematar o acto o membro Xurxo compartiu connosco os versos de Bernardino Graña
“Medre o mar, medre” e animounos a collernos da man e gritar “Orzán”. Por
último tomamos unha foto.
Carmen
Arbaizar, alumna de 2º bach. F
(Foto tomada por Pedro Rodríguez)
:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::
Addenda: Urbano
Lugrís foi alumno do noso Instituto. No libro que publicamos na celebración do
125 aniversario integramos unha pequena ficha sobre el. Quizais vos interese
lela:
Lugrís González, Urbano
Isolino: Coruña, 1908;
Vigo, 1973. Pintor, muralista, escenógrafo, cartelista, ilustrador de libros.
Como hai dúbidas nalgunhas fontes documentais sobre o ano exacto do seu
nacemento, digamos que na Partida de Nacemento que consta na documentación do
arquivo do IES Salvador de Madariaga (IESSM) figura a hora (cero y treinta
minutos de hoy), o día e ano (28 de
xaneiro de 1908) e o lugar do seu nacemento (a casa paterna, rúa Rego de Auga,
38, 3º). E entre as testemuñas que asinan ese documento citado figuran:
Salvador Golpe, M. Lugrís Freire –o pai-, José Fariña, Augusto Barreiro e
Roberto L. Martínez. Aproba o ingreso no Instituto o 21 de setembro de 1918. O
certificado médico que presenta no Instituto en agosto do 1918 está asinado polo
célebre doutor Enrique Hervada. Cursou estudos oficiais no noso edificio no
período: 1918-1919. Posteriormente matricularase na Escola de Comercio. Foi amigo, entre outros,
de Miguel González Garcés, Álvaro Álvarez Blázquez, Fernández del Riego, Castroviejo,
Antón Patiño... A obra pictórica de Urbano Lugrís pode admirarse en distintos
locais públicos da cidade herculina, na Igrexa Parroquial de Vilaboa
(Culleredo, Coruña), Colección Abanca, Museo de Belas Artes da Coruña, Museo
Massó, Confraría de Pescadores de Malpica de Bergantiños etc.
[Bibliografía básica: Urbano Lugrís nos fondos da Colección Caixa Galicia,
catálogo editado no ano 2003, con fotografías de Xoán Piñón e un estudo de
Antón Patiño].
mércores, 15 de marzo de 2017
GALICIA INMORRENTE
GALICIA INMORRENTE
LORIGA I
(Foto do que fora heroe da aviación, Joaquín Loriga Taboada. Tomada de Internet)
Tes que
escribir sobre o Pazo de Liñares díxome Fita aquel sábado. Hoxe comprázoa, porque se aproxima
o 19 de marzo, o seu día. Estabamos alí, esperando polo comezo dunha actuación
teatral, mentres nos deleitabamos coas pezas do Museo das Marionetas que
alberga. Si. Hai tempo que lle teño ganas ao tema. De todos os enfoques
posibles, imos achegarnos desde este, a modo de porta pola que vos convido a
entrar: o Pazo de Liñares era a casa de Joaquín Loriga Taboada. Aí naceu en 1895.
O pazo era da familia da nai, dos Taboada. Os Loriga teño entendido que veñen
de Cambados-O Grove. A fazaña máis sobranceira deste ilustre aviador foi o voo
Madrid-Manila (1926: no mesmo avión ía tamén Ramón Franco Bahamonde).
Porén, non quixera darvos datos que podedes obter lendo na Gran Enciclopedia Gallega, no libro de González Alén ou no capítulo correspondente do de Gómez Buxán e Rubia Alejos, Pazos y moradas hidalgas de Deza (estamos todos á espera da obra sobre Loriga do tamén dezao Gonzalo Navaza: por iso marco esta páxina co número I, cando leamos o libro de Navaza prometémosvos unha segunda parte, se estamos vivos e activos, se non abandonamos xa o blog, porque algún día terá que ser), senón que quixera adoptar outro punto de vista, máis familiar. O tataravó paterno dos meus fillos foi mordomo do pazo (contaba unha anécdota con el un paisano-caseiro das abandonadas posesións hai máis de vinte anos: dicíanos que ese noso ancestro éralle moi próximo ao señor marqués, e que nos derradeiros tempos deste marqués, apenas durmía e que en canto podía xa estaba pedindo que lle abrisen as fiestras, e co primeiro albor xa pugnaba por erguerse do leito: Xa é de día?, preguntaba, e daquela o tataravó dos meus fillos abríalle a despensa-lacena que debía estar preto de onde durmía, e claro, estaba dentro todo escuro, e dicíalle: Ve como aínda é de noite?). Parece ser, de feito son datos familiares obxectivos, que cando lle ían nacendo os fillos (unha morea) ao tataravó, abaixo no pazo, íalles poñendo os nomes seguindo o modelo dos bautizados arriba: Eliseo, Amalio, Joaquín etc. Eliseo era tamén o meu sogro –coma o seu pai- , que en gloria estea. Contábanos de moi boa man que Joaquín Loriga Taboada era moi amigo dos de abaixo. Dicíalle a nai, a descendente dos Taboada, Joaquín, ven, que están aquí os teus amigos (xente que viña se cadra de Madrid, xente de posibles), e o noso aviador, que estaba cos de abaixo, respondíalle: Mamá, xa estou cos meus amigos... Nós soubemos de anciás (de Fondevila, sta. Mª de Cortegada) que recitaban romances, tiradas de romances populares sobre os feitos de Loriga, do seu casorio en contra do criterio da nai, cunha modista ou costureira etc. Inda non fomos ver o lugar concreto, a lápida que cobre os seus restos mortais, no Corpiño, mais iremos se cadra esta primavera. Tamén quixeramos, nunha especie de peregrinaxe cos amigos, subir ao monte do Toxo, onde fixera a primeira aterraxe en terras galegas.
(Lalín soubo homenaxear o noso heroe: na foto, de Internet, vemos o monumento feito por Asorei, situado no corazón da capital de Deza)
Porén, non quixera darvos datos que podedes obter lendo na Gran Enciclopedia Gallega, no libro de González Alén ou no capítulo correspondente do de Gómez Buxán e Rubia Alejos, Pazos y moradas hidalgas de Deza (estamos todos á espera da obra sobre Loriga do tamén dezao Gonzalo Navaza: por iso marco esta páxina co número I, cando leamos o libro de Navaza prometémosvos unha segunda parte, se estamos vivos e activos, se non abandonamos xa o blog, porque algún día terá que ser), senón que quixera adoptar outro punto de vista, máis familiar. O tataravó paterno dos meus fillos foi mordomo do pazo (contaba unha anécdota con el un paisano-caseiro das abandonadas posesións hai máis de vinte anos: dicíanos que ese noso ancestro éralle moi próximo ao señor marqués, e que nos derradeiros tempos deste marqués, apenas durmía e que en canto podía xa estaba pedindo que lle abrisen as fiestras, e co primeiro albor xa pugnaba por erguerse do leito: Xa é de día?, preguntaba, e daquela o tataravó dos meus fillos abríalle a despensa-lacena que debía estar preto de onde durmía, e claro, estaba dentro todo escuro, e dicíalle: Ve como aínda é de noite?). Parece ser, de feito son datos familiares obxectivos, que cando lle ían nacendo os fillos (unha morea) ao tataravó, abaixo no pazo, íalles poñendo os nomes seguindo o modelo dos bautizados arriba: Eliseo, Amalio, Joaquín etc. Eliseo era tamén o meu sogro –coma o seu pai- , que en gloria estea. Contábanos de moi boa man que Joaquín Loriga Taboada era moi amigo dos de abaixo. Dicíalle a nai, a descendente dos Taboada, Joaquín, ven, que están aquí os teus amigos (xente que viña se cadra de Madrid, xente de posibles), e o noso aviador, que estaba cos de abaixo, respondíalle: Mamá, xa estou cos meus amigos... Nós soubemos de anciás (de Fondevila, sta. Mª de Cortegada) que recitaban romances, tiradas de romances populares sobre os feitos de Loriga, do seu casorio en contra do criterio da nai, cunha modista ou costureira etc. Inda non fomos ver o lugar concreto, a lápida que cobre os seus restos mortais, no Corpiño, mais iremos se cadra esta primavera. Tamén quixeramos, nunha especie de peregrinaxe cos amigos, subir ao monte do Toxo, onde fixera a primeira aterraxe en terras galegas.
(Foto do Pazo de Liñares antes da restauración. Tomada de Internet)
Cando nós eramos acabados de casar gustabamos moito de
ir explorar (séguenos gustando) por aquí e acolá nas terras de Deza e recordo
perfectamente entrarmos naquel xardín abandonado e subir perigosamente polas
escaleiras arruinados do pazo baleiro: fálovos de hai trinta anos: inda había
pratos na alacena do conto e inda, ou marabilla, ficaban restos da pía de
cristianar: no primeiro andar, ocupando un espazo principal. Estaba toda
rodeada de cunchas, coma na igrexa da Illa da Toxa. Era unha fermosísima ruína.
(Foto de 1890 aprox., tomada de Internet)
O Concello de Lalín comprou o Pazo no ano 2002, se non
erro. O amaño foi unha obra inxente, na que participou o Concello lalinense, a
Deputación Provincial, a Xunta de Galicia e mais o Estado. Mantelo útil, con
vida, dándolle un bo uso cultural, ese é o reto para o futuro. Deixalo caer
abaixo sería unha mágoa. Sen dúbida ningunha, unha grande mágoa.
(Os comedeiros dos cabalos, interior do pazo; foto feita por nós tras a restauración)
(Foto da parte posterior máis antiga, a das cociñas, tras a restauración)
(Foto do Museo da Marioneta que actualmente alberga o pazo; do tema falaremos outro día)
mércores, 8 de marzo de 2017
LENDO A...
LENDO A
Oito de
marzo
(Logotipo na páx. web da UDC neste ano 2017)
Encantaríame poder
falar de todo o que cabe neste día oito de marzo, día en que eu cumpro anos. Antes,
a miña avoa paterna, a coruñesa, xa nacera un oito de marzo. En Italia, en
Udin, o profesor de español na súa facultade de Letras, o prof. Ricci, tamén
naceu un oito de marzo. Dicíame este día Mercedes Rey, relembrando o nacemento un 6 de marzo de García Márquez,
“eu tamén son Piscis, na miña xeración, eramos Piscis case todos... Puxéronse
de acordo os pais para casar en xuño”. Digo igual (inda que os meus casaran en
outubro): na miña xeración, daquela, tanto na infancia nos Castros, como no
Insti, eramos un morico de Piscis, e mágoa!, algúns xa non están connosco (recordo con afecto de nena
a Martita e a Javierín). Daquela (en
Italia) lía (entre outros libros) os cadernos dun catalán igualmente nado un
oito de marzo, J. Pla. Como tantos outros seres humanos, claro.
Sobre as mulleres
traballadoras non vou falar hoxe, emporiso. Apenas coñezo mulleres que non
sexan traballadoras. Tamén coñecín a María Xosé Queizán, grande señora das
letras galegas, e moi amiga das mulleres. Faciamos daquela o CAP en Santiago e
a vida xa daba algo de medo: o futuro, o
posto de traballo, a sorte no amor... Esas cousas. E todo vai pasando, incluso a vida pode ir
chegando ao seu termo. Pero quedan sempre as palabras. Quedan os fillos e os
fillos dos fillos. Con sorte, quedará un aire limpo para eles respiraren.
(Pondal xa ancián. Foto tomada do libro de Barreiro e Axeitos citado)
Hoxe vou falar de
Pondal. Oito de marzo de 2017: cen anos xustiños do seu pasamento. Quixera
xebrar en dous o tema pondaliano. Arestora leo Os Eoas, cando remate algo vos comunicarei, e esa será a parte máis
literaria se cadra. Hoxe, oito de marzo, tocaremos a cara humana. Eduardo
Pondal, o ser humano. Seguiremos un camiño doado: a través das cartas a Murguía
(un par delas a Rosalía), cartas publicadas nunha edición de quitar o sombreiro
e dar as grazas. A edición, auténtico caplavor
como diría un friulano (en galego obra
mestra), de Xosé Ramón Barreiro e Xosé Luís
Axeitos, a cargo da fundación Barrié, colección ‘Galicia viva’. Miramos
no “Ïndice de remitentes” e contamos (entre os dous volumes) un total de 12
+ 12 cartas. De que fala o bergantiñán
co patriarca basco-galego? De moitas cousas. Por riba de todo, quedo co cariño,
ese profundo afecto e amizade pola familia Murguía-Castro. E que ben se percibe, meus, que ben... Había
unha fonda confianza, ademais. Eduardo permítese o luxo de ser un pesado cando
quere algo. Por exemplo, cando quere que Manuel o visite na casa da aldea. Se
non llo pide unha ducia de veces..., polo menos. Aí hai un tema bonito: o
itinerario que lle propón, Murguía tería que ir da cabalo desde Santiago.
Paremos un
momentiño nesta evocación: había que ir da cabalo. Unha vez caeu na vella Selectividade un texto de Risco sobre o
fraco cabalo do doutor Alveiros (que unha servidora relacionaba sempre con
aqueloutra besta de Fernando Esquío, aquela que un infanzón lle prometera...).
O cabalo, bela estampa. Miña nai, octoxenaria, relembra o Cuco, montaban nel para ir a Penouta recoller os sacos de castañas
daqueles castiñeiros idos... Meu home, dezao e quincuaxenario, recorda ter oído
contar do tío Carlos que aló polos anos 30 destripara un cabalo da casa contra
un valado, facendo polo monte carreiras cun amigo. O cabalo era daquela o coche
de hoxe. Eduardo Pondal fala nunha das
cartas dun cabalo da súa casa chamado Bergantiños1:
non podo evitar contarvos do meu amigo Manuel, que cría –ou criaba- cabalos na
casa da aldea e pedíame que lle buscase un nome á egua acabada de nacer, pola
letra C. Propúxenlle Coruña e díxome
logo, a posteriori, que fora un nome exitosos aló polas competicións e paseos
onde a levou...
Bergantiños, que bo gusto! Tamén
noutra carta dálle Pondal a Murguía saúdos para aquelas mulleres (da burguesía
e/ou fidalguía), boas amazonas,
posiblemente entre elas Rosalía...
Velaquí o
itinerario proposto (eu propoño que o fagamos: nun verán, nunhas vacacións):
“Tomará U. la cuesta del monte Pedroso,
siguiendo el camino hasta Puente Mouro, sobre el Tambre; desde este punto se
dirige U. a Parámos, de aquí a Porto Medal, después a Carboeiro, a Castrís;
desde este punto a la Agualada, a la Amata, después a Barreira, a Allones, y
por último a Puente-Ceso” (carta desde Puenteceso datada 26 agosto 1865).
Hai aínda máis
referencias ás viaxes da cabalo: En los
viajes a caballo es preciso hacer como el piloto; salir del puerto al primer
viento favorable (carta datada 4 set. 1865).
(A Coruña que paseou Eduardo Pondal. A foto pertence a un calendario editado polo concello herculino. É do ano 1908)
As cartas son hoxe
substituídas polas máquinas (móbil e ordenador basicamente), iso está claro.
Varía a frecuncia, endebén. Pero vede
canta información daban... Dos costumes da vida da época, sabemos por exemplo
que a Pondal lle encantaba ir de caza2, e sabemos do hábito de
frecuentaren os balnearios: el e Rosalía teñen vivencias en común do balneario
de Cuntis3 e Rosalía en anos tamén foi ao de Caldas (coma a nai da
nosa amiga Carmela; os pais do noso prezado Miguel ían aos Baños da Brea,
concello de Vila de Cruces, aínda non
hai tantas décadas, e nos anos 60 eu relembro acompañar os meus pais cando mamá
tomaba as augas no balneario do Carballiño, cun parque paradisíaco).
Veñamos agora
achegándonos un pouquiño á psique eduardiana. Espírito forte, man que sostén
unha épica pluma, con que forza é evocado o pasado, con que férrea vontade
reactualiza a Europa mítica... E asemade, que fráxil noutras ocasións. Tan
humano, mesmo move á piedade, á solidariedade ontolóxica (se pode dicirse así).
Vémolo sentado nunha pena ollando o mar atlántico, reflexionando sobre a súa
vida:
Grato es sin duda vagar libremente por los patrios
montes; no obstante, al sentarme sobre alguna roca del cabo de Nariga, a la
hora del crepúsculo, no puedo con mi corazón, y me asalta una imperiosa
pregunta.
“Y bien, ¿qué rumbo piensas dar
a tu existencia? Basta de vacilaciones y de errores”
Al fin, cuento 33 años.
Sin más, escríbame dándome algún
consejo. Mis afectos a Rosalía y a Alejandrita etc.
(carta datada 5 marzo 1869).
Si que nos
achegamos bastante, incluso dá pudor, á alma dubitativa e palpitante do poeta.
Acrecéntase en nós a idea primordial do profundo respecto que sempre nos debe inspirar a crúa verdade humana.
Deixemos, pois, aquí ese tema delicado: as aprensións e suidades4 e pasemos a outra páxina: a presenza da
Coruña. Sabemos que os últimos anos viviu entre nós (faleceu na pensión da rúa
Juana de Vega, e antes parara noutra situada na rúa de San Andrés a entre
medias, nun pequeno hotel na Praza de Pontevedra). Mais antes de fixar na nosa
cidade a súa residencia viña de cando en vez por aquí, e ademais, dá mostras de
coñecer o tecido social herculino. Así, en carta de 23 nov. 1868 lemos: “Recomendarse a los comités progresista o
democrático de la Coruña”, en carta de 16 agosto de 1869: “No hace muchos días que estuve en la
Coruña, a donde fui con motivo de la solemnidad del pacto federal
galaico-asturiano”. Supoñemos que tamén viría por diversión: “Cuando por Carnavales estuve en la Coruña”
(carta 31 marzo 1864).
Hai que deixalo xa.
Unha derradeira apostila: Pondal sabe da ironía galaica. De mostra abonde este
botón: “Nada más tengo que decirle por
hoy sino que cae por esta costa un tiempo tempestuoso, y el mar hace en Corme y
Lage algunas víctimas entre los pobres pescadores a la vara. También el mar
hace su revolución, y exige su cuota territorial. Por eso los cortesanos, viven
tan al centro, y no entienden de estas músicas tanto como de charlar y fumar
buenos puros en el Oriental” ( carta 23 nov. 1868).
(Foto da Exposición Rexional de Arte Galega celebrada na Coruña en 1917. Foto tomada de Internet)
:::::::::::::::::::::
NOTAS:
1.
“Mi muy estimado y distinguido
amigo: tenemos en casa una yegüita de raza gallega, por nombre Bergantiños, y
queríamos enviarla a esa con el objeto de ser padreada por algunos de los
caballos de puesto que poco ha, estableció el gobierno en esa localidad” (carta
escrita desde Ponteceso o 5 maio 1883).
2.
“Yo sigo mejor. Los aires del país
me han robustecido algo más (...). Como bien, cazo mucho, y duermo mejor; y
quiera Dios conservarme siquiera así” (carta datada 31 marzo 1864).
3.
“Me acuerdo mucho de nuestros
paseos por la carretera de Cuntis, y de nuestras crítico-conversaciones acerca
de los bañistas” (carta datada 26 feb. 1867).
4.
“Esa divina e ideal enfermedad que
sólo padecemos los buenos gallegos, a la cual llamamos nosotros Suidades”
(carta 5 marzo 1869)
:::::::::::::::::::::
ADDENDA ESPECIAL:
Hoxe é un día especial . Propoño
que me respondades (refírome a vós, os meus alumnos deste curso) a unha destas
preguntas vinculadas tanto a Pondal como á Coruña:
1.
Pondal é cofundador da Real
Academia Galega: aló polo 1917, onde se reunían os académicos?
2.
Pondal é íntimo, entre outros
moitos amigos, de Emilia Pardo Bazán: en 1917, onde vivía dona Emilia, na rúa
Tabernas ou na rúa Rego de Auga?
3.
Pondal reúnese cos amigos no
Círculo de Artesáns coruñés. Onde estaba situada en 1917 esa sociedade?
4.
Sodes capaces de traerme unha foto
da lápida pondaliana (non hai que saír da cidade, chégame unha feita co móbil),
aquela que cobre os seus restos mortais?
(A Coruña de 1917. Imaxes da Folga Xeral dese ano. Foto tomada de Internet)
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)