luns, 15 de xaneiro de 2018

GALICIA INMORRENTE



SANTIAGO E SAN PEDRO



Fomos a Santiago á reunión en San Roque para a edición do número correspondente dos Cadernos de fraseoloxía galega e Carmen Mellado, que sentaba ao meu lado, sacou do cabás (ou da carpeta talvez) unha foto. Mostrouma. Vinte anos xa, dixo. Vinte anos pasaron desde aquel primeiro congreso de fraseoloxía. Eu tamén a teño pero non sei onde... Encantoume volvela ver. Todos máis novos, e guapos! Gloria Corpas estaba embarazada. Quen sabe que fará agora esa criatura, se estudará, se traballará... Fomos perdendo a pista os uns dos outros. Así é a vida. Algúns xa dormen o sono dos xustos, como Fernando Varela. E outros, que foron grandes amigos, ben quixera saber deles e mais penso que non vai ser doado. Os que foron algún día grandes amigos nunca se esquecen: nunca desaparecen do noso corazón. O corazón é un libro con páxinas ás que de cando en vez volvemos, limpámolas con coidadiño e lemos nelas coma nun espello, do dereito e do revés. Logo, xa de noite mollada de chuvia, paseamos antes de volver coller o coche para A Coruña, pola Algalia de Arriba, brillantes as laxes, ergueita esa vella torre medieval, abandonada case escanastrada a casa con escudo outrora poderosa e hoxe niño de ratos. Contáballo aos meus contertulianos da xuntanza dos xoves, estiven en Santiago, paseamos na Algalia, e soou misteriosa, unha badalada, non sei se sería da catedral porque a igrexa esa das Animas, a que está cerca das Casas Reais non ten campás, creo...  E dixo José Luis, santiagués, -En Santiago sempre é a Berenguela... Que bo coñecemento temos todos de Santiago, os que alí estudamos. Éme unha cidade propicia, nela coñecín a Luís. Gústame oír da infancia de José Luis, e ti por onde corrías cando neno? Cita rúas con avoengo, proximidades á igrexa do Pilar. É pródigo coas lembranzas. Con vinte anos aproximadamente retoma a comitiva que acompaña a nai defuntiña a Bonaval, diante tocaba un óboe un triste son, e as mulleres carpían como se facía antes (a min viñéronme á mente escenas do pranto á dona do pazo, María Soledad,  nunha das bárbaras comedias de Valle-Inclán –Romance de lobos- pero calei) e repetían “ai, que axiña se foi, que logo se foi, ai...” Dixen: En Santiago hai cemiterios preciosísimos, como aqueloutro onde enterramos o pai de María Dolores... Non me viña o nome, dixo Javier: -Boisaca (si, Boisaca, onde descansan franqueados por altas e esgrevias coníferas outros grandes galegos [Valle-Inclán de novo, Pérez Costanti, Antonio Fraguas, Isaac Díaz Pardo, Roberto Díaz Bolaño...]). Xa digo, este xoves fomos xenerosos coas lembranzas.

(Foto feita, probablemente por Xesús Ferro, no monte de Santa Tegra, no ano 1997; falaba Xesús da caída do sol ardente nas augas atlánticas e occidentais e o pasmo dos romanos, pasmo mítico)


Pero fixádevos como divago. Porque eu quería falarvos hoxe daquel primeiro congreso de fraseoloxía e sobre todo, do meu vello amigo António Nogueira. Son os amigos (nunca) idos. Os amados amigos nunca son idos de todo, volvo dicir. Nunca. Mentres os levemos dentro. Mentres falemos con emoción deles. Mentres exista papel e electricidade para retomar unha páxina.  Procuramos educar os fillos na idea lúcida de que un amigo é un tesouro.

 (Xuntanza na sé do Ramón Piñeiro no vello convento de San Roque en Santiago este mércores 10 de xaneiro: Maruxa, Maribel e Carmen, pola dereita; Ramón Anxo, Xesús e Luís, pola esquerda; a foto foi feita por Charo Soto)


A última vez que vin ao Nogueira foi na súa casa (con sabor a Atlántico, el vestía de mariñeiro, novo Alberti) de San Pedro de Noel. Nós, a miña familia, Suso e Xácome pequenos inda, acampabamos no piñeiral de don Dinis. Na riberia alta do poderoso mar, nos arrecifes, pescaban robalos con longuísimas canas varios homes cos que puidemos falar. O António Nogueira Santos ben sabía conversar; tamén escribir e non desdeñaba a poesía. Gardo del incluso as felicitacións de Nadal feitas a man... 

 (Poema do António Nogueira dedicado ás amigas que fixo naquel primeiro Coloquio no ano 97)

 (Outra mostra poética do noso amigo, António Nogueira)

:::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::


Vixésimo aniversario do primeiro Coloquio Galego de Fraseoloxía.

 (Diante da fachada do Obradoiro. Da esquerda á dereita, liña superior: Delfín Carbonell e Rocío García, António Nogueira, Juan Martínez, Antonia Mª Tristá, Alberto Zuluaga e Xesús Ferro. Na liña de diante: Carme Lamela, Maria Conca, Gloria Corpas, Josep Guia e Fernando Varela)

Celebrouse en Santiago de Compostela no ano 1997. No acto de inauguración figura como Presidente o daquela Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Celso Currás Fernández. Como Coordinación Científico do Centro Ramón Piñeiro figura nese momento Constantino García González e como Coordinador do Coloquio, Xesús Ferro Ruibal.

(Tras a última sesión de traballo, da esquerda á dereita: en pé: Javier Calzacorta, Mª Xesús Anido, Alberto Zuluaga, Ekaterina Lossik, Juan Martínez, Xesús Ferro, Delfín Carbonell, Leonel Ruiz, Josep Guia, Carme Lamela, Fernando Varela, Clara Viqueira e Franz J. Hausmann. Sentadas: Marina Kótova, Gloria Corpas, Antonia Mª Tristá e Maria Conca)


Listado de autores e relatores (por orde alfabética):

Javier Calzacorta Elorza, académico na Academia de la lengua Vasca-Euskaltzaindia. Da súa extensa obra destacaremos “Historia del refranero vasco”.

Delfín Carbonell Basset: da súa obra citemos unha gramática inglesa en cinco volumes, e o Diccionario castellano e inglés de refranes.

Maria Conca i Martínez, investigadora moi recoñecida. Autora de, entre outras publicacións, Els refranys catalans.

Gloria Corpas Pastor, autora dun clásico da fraseoloxía, Manual de fraseología española.

Xesús Ferro Ruibal: autor, entre outras moitas obras, do Refraneiro galego básico (e, para quen isto escribe, un mentor, se se me permite a expresión: foi el quen me deu a oportunidade de publicar o dicionario de refráns galego-castelán).

Xosé María Gómez Clemente, profesor da Universidade de Vigo: autor, entre outras publicacións, de “Fraseoloxía galega e portuguesa: o verbo andar como núcleo de unidades fraseológicas”.

Luís González García, profesor da Universidade da Coruña. No campo da lexicoloxía, presentou no IV Congreso da Asociación Internacional de Estudios Galegos (Oxford, 1994) a comunicación: “Emilia Pardo Bazán, sociolingüista”.

Patrick Hanks: grande lexicógrafo. Tomou parte na publicación de diversos dicionarios da editorial Collins.

Franz Josef Hausmann, membro do Consello Científico do Instituto Nacional da Lingua Francesa. Autor dunha obra inxente, digamos só que daquela traballaba na elaboración dun dicionario fraseolóxico francés-alemán.

Marina Kótova, profesora da Universidade de San Petersburgo. Autora, entre outras publicacións, de Os problemas da semántica fraseolóxica.

Hugo Kubarth, profesor da Universität Graz. Coautor do Diccionario Fraseológico del Español Moderno.

Juan Martínez Marín, catedrático na Universidad de Granada. Entre outras obras, publicou Estudios de fraseología española.

Carmen Mellado Blanco, profesora da Universidade de Santiago de Compostela. Entre outras obras é autora de Didáctica de la Lengua Alemana en España. Perspectivas actuales.

António Nogueira Santos: estudou Filoloxía Xermánica na Facultade de Letras de Lisboa. Traballou no campo da tradución e mais no campo da didáctica en Londres. O seu interese polas fraseoloxía levouno a elaborar Novos Dicionários de expressões idiomáticas//New Dictionaries of idioms.

Leonel Ruiz Miyares, enxeñeiro e director do Centro de Lingüística Aplicada de Santiago de Cuba. Coautor do Diccionario automatizado de fraseología cubana.

Mª Rosario Soto Arias, catedrática do Instituto ‘Eusebio da Guarda” da Coruña. Coautora de Exercicios avanzados de lingua e de Así falan os galegos.

Antonia María Tristá Pérez, investigadora no Instituto de Literatura y Lingüísitca de La Habana. Autora, entre outras obras, de Fraseología y contexto.

Fernando Varela, profesor da Universität Wien. Coautor do Diccionario Fraseológico del Español Moderno.

Alberto Zuluaga Ospina, profesor da Universität Tübingen. Autor, entre outros traballos, de Introducción al estudio de las expresiones fijas.


(Datos atirados  das "Actas do I Coloquio Galego de Fraseoloxía", libro de onde tamén tomamos as dúas últimas fotos)

Ningún comentario:

Publicar un comentario