martes, 27 de febreiro de 2018

A CORUÑA



24 de febreiro: Día de Rosalía.


A Coruña na vida de Rosalía de Castro e familia.

(Camiño Real Vello, logo Rúa de Garás, hoxe Av. de Linares Rivas, ano 1883, fotografía feita sobre outra procedente dunha exposición comisionada pola cronista da Coruña, dona Mª de la O Suárez)


MURGUÍA:


O pai de Murguía tiña unha farmacia en Garás, na cidade herculina. Aquí, na Coruña, pasou boa parte da súa infancia o neno Manuel: ¡Adios! Bajo ese cielo que bordan las estrellas, / Endulces embelesos mi infancia se pasó; / Te juro, mi Coruña, la bella entre las bellas, / Te apartas de mi vista, de mi memoria, no” (última estrofa dun poema escrito cando se despide da cidade para ir talvez a Madrid, en setembro de 1851). No Boletín da RAG lemos tamén esta nota de agradecemento: “Aunque algo tarde, pues me lo impidió la carencia de tranquilidad necesaria para ello, doy, desde el fondo de mi corazón, gracias á cuantos me honraron con su presencia, su estimación, sus votos y aplausos en momentos para mí inolvidables de los obsequios que debí á la Coruña, mi ciudad natal, en la celebración del 80 aniversario de mi nacimientos. Dios pague á todos esta deuda de mi gratitud, porque siendo tan grande como es, no puede mi corazón rendirla si nó con mi eterno reconocimiento” (vemos que Murguía interpreta o nacemento en Froxel, san Tirso de Oseiro, Arteixo, como un accidente; en calquera caso un “accidente” que enaltece ese municipio ártabro).

Estando na Coruña Murguía (como xefe do arquivo da delegación de facenda da Coruña, a onde vén trasladado desde Santiago) é cando recibe desde a Villa Rica de Veracruz a carta de Valle Inclán para que lle prologue Murguía o seu primeiro libro, Femeninas (relembremos que xa o pai, don Ramón, do pontevedrés profesaba grande amizade a don Manuel M.M.).Na carta, que publica Naya no Boletín da RAG, escrita en 1893, o mozo Valle chama a Murguía o vate por antonomasia, o que encarna o espírito e amor á Terra.

O tempo máis longo que pasarán na Coruña Murguía e Rosalía é na década dos 70 (entre 1871 e 1875: máis datos no libro Rosalía de Castro. Estudios sobre a vida e a obra, de Andrés Pociña e Aurora López, Laiovento, 2000), cando nomean a Murguía xefe do Arquivo Rexional de Galicia, instalado na Audiencia, no pazo de Capitanía, situado moi cerca da casa onde vivía a familia, na rúa do Príncipe.

Sobre ese traslado precisamente escríbenlle algúns seus amigos: En carta datada en Padrón a mediados de 1870, Felipe –non consta apelido- dille a Murguía: “Su traslado a la Coruña me viene bien porque me proporcionará más ocasiones de verle, aunque ahí estaría U. mucho mejor en todos conceptos”. E Bernardo Barreiro escríbelle desde Santiago 31 xullo 1871 e di que xa están na cidade: “Había encargado a mi amigo Fuentemayor que está en la Coruña de vice cura en Santa Lucía [neste momento histórico a igrexa de Santa Lucía está na barriada do mesmo nome, aldea que fora de pescadores, moi preto da Palloza] diese a U. mis recuerdos pues le haría una visita y nada me dice en su última carta”.

Veremos que na Cova Céltica tiña Murguía moitos amigos, pero hai máis. Para coñecelos (se non a todos, si algúns, botaremos man da correspondencia publicada –xa citada noutra ocasión neste blog- por Barreiro e Axeitos). Centrémonos só nos que lle escriben desde A Coruña: Ramón Rúa Figueroa (nunha carta desde Madrid 8 abril 72) di: “Ya he visto que esa Capital [A Coruña] nos manda a Costales que vendrá aquí a charlar como si se dirigiese a la gente del barrio de Santa Lucía” (Ramón Pérez Costales, médico e republicano, elixido deputado polo distrito da Coruña en 1872, no 73 foi Ministro na 1ª República; foi o médico da familia Picasso e aparece como personaxe nalgunha obra de dona Emilia Pardo Bazán); Antonio Mincha Fernández (escribente do Arquivo da Coruña, súa é a obra: Catálogo Descriptivo de los escribanos antiguos y modernos que correspondieron al partido judicial de la Coruña, desde el siglo XV al presente...Coruña, imprenta de Puga, 1866).

Sempre grazas ás cartas sabemos en que se entretén Murguía: por exemplo, pídelle a Rúa Figueroa que vaia á Biblioteca Nacional a mirar códices –carta desde Madrid 8 xuño 72-, en concreto fala do códice dun tal Varela sobre o cerco dos ingleses á Coruña, códice que non logra atopar.

Tamén sabemos que ás veces Rosalía escribe para os periódicos: “Espero con ansia algunos trabajos de U. y Rosalía para el periódico” (carta de Juan Manuel Paz desde Ourense datada 7 outubro 72) (Paz é o autor de Los foros en Galicia, 1872, presenta no Congreso, xunto con outros parlamentarios, unha proposición de lei para a abolición dos foros).

En 1873, José Villamil y Castro escríbelle desde Mondoñedo: “Sospecho que estará U. trasladado de nuevo a Simancas por el arreglo que he visto del cuerpo. Aunque a U. no le agrade creo que reconocerá que es más natural y propio que esté el Jefe en Simancas que no en la Coruña; pues no puede ponerse en parangón la importancia de un establecimiento con la del otro”.

Recibe tamén cartas do coruñés Ramón Segade, e nunha asinada en Vilaboa, Coruña, en setembro de 1881 alude a “nuestro amigo e, Sr. Linares” (Aureliano Linares Rivas, deputado daquela no Congreso polo distrito da Coruña).

É de supoñer que na Coruña é onde lle nace a Murguía o interese pola heroína coruñesa: “la casa y calle que U. dice es, o pertenece a Sta. María y no a Santiago. Lo de la Mayor, no podía ponerse en la partida, porque no es nombre de bautismo” (carta de Ramón Segade, set. 82), e desde Buenos Aires , outubro 82, Manuel Barros dille: “Recibí su artículo biográfico de María Pita”. Noutra interesante carta de Segade desde Coruña de 15 de febreiro do 83 alude aos sentimentos de Murguía en contra de Emilia Pardo Bazán; e tamén noutra do 83 menta Segade a Pablo Iglesias, a quen Murguía aludía, dicindo que non sabe quen é ese cajista. Sempre desde A Coruña escríbelle no 84 o seu “apasionado e invariable amigo” Narciso Pérez Reoyo. Recibe así mesmo varias desde a nosa cidade do grande amigo (e padriño dos fillos), don Andrés Martínez Salazar: nunha datada 19 maio 84 eloxia En las orillas del Sar e felicita a Murguía polos dotes pictóricos de Alejandra  (nalgunha carta de Martínez Salazar figura na cabeceira Librería de Martínez. Luchana 16. Coruña).

Na Coruña presidira non só a Academia senón tamén a Cova Céltica: O grupo asumira ao apelativo de “Cova Céltica” co que fora bautizado xocosamente polos seus detractores. O alcume fora empregado por primeira vez por Pedreira (1894) e, máis tarde, por García de la Riega, ambos inimigos declarados de Murguía, para nomear a tertulia que tiña lugar na biblioteca de Carré Aldao [...]. A maior parte dos contertulios estaban ligados ós proxectos rexionalistas políticos e culturais da época: a Liga Gallega (fundada en 1897), a Revista Gallega (o seu xornal extraoficial ata 1907, fundado en 1895), a “Escola Rexional de Declamación” (establecida en 1903), e o “Monumento aos mártires de Carral” (inaugurado en 1903). Lugrís Freire, o representante máis novo desta “xeración” no período Nós lembraba a algúns deles no seu “Discurso de ingreso no Seminario de Estudos Galegos” (20/11/1923): “Euxenio Carré, o libreiro literato; Manolo Banet, abogado e prosista de xeito crásico; Marcial de la Iglesia, o entusiasta e bon escolante da rua da Barreira que insinaba a lingua galega aos neniños na súa escola; Salvador Golpe, o poeta mariñán, elegante e tenro; Urbano González Varela, poeta, pintor, alma xenerosa (...); Evaristo Martelo, que vive no corazón de Bergantiños, en Vimianzo (...); Florencio Vaamonde, crásico con sonoridades camonianas e correición anacreôntica; Andrés Martínez Salazar, sabio, xeneroso, leonés, conquerido pra a causa nosa por unha santa dona galega (...); Manuel Murguía, o mestre dos mestres e... Eduardo Pondal, o bardo grorioso” (Lugrís 1935: 262). A este núcleo coruñés ligado a Murguía e a “Cova Céltica”, e máis tarde á Academia Galega, deberiamos engadir a: Pérez Costales, Ramón Bernárdez, José Pérez Ballesteros, Galo Salinas, Eladio Rodríguez, e Pérez Barreiro (en: Benigno Fernández Salgado: Os rudimentos da lingüística galega. Un estudio de textos lingüísticos galegos de principios do século XX (1913-1936)). Tamén se reunirá  cos seus colegas e amigos no Café Oriental, inaugurado en 1884 (no edificio do hotel Palace).

 (Esta fotografía da Coruña foi tomada en 1879. Poucos anos antes por aquí pasearía Rosalía)


ALEJANDRA

Foi, con palabras de Naya Pérez, la mejor amiga de su madre. Ela foi a encargada de cumprir a vontade materna queimando tras a morte de Rosalía, os seus manuscritos inéditos. Foi boa pintora e iniciou na arte pictórica ao irmán, Ovidio. Faleceu na Coruña o 23 marzo de 1937, con 78 anos de idade.

AMARA

Amara Honorata María del Carmen Murguía de Castro naceu na Coruña o 17 de xullo de 1873 no segundo piso da casa nº 3 da rúa do Príncipe, chamada daquela de Padilla. Foi bautizada na igrexa de Santiago. Reproducimos a acta de bautismo (publicada por Pociña y López en 2000):

El diecisiete de agosto de 1873, bauticé a una niña, que nació en la casa número 3-2º piso del Príncipe, hoy Padilla (El Comunero). Le puse el nombre de Amara, Honorata, Mª del Carmen, nacida el diecisiete de julio anterior. Hija legítima de D. Manuel Murguía, natural de Santa María de Pastoriza (La Coruña) y de Dª Rosalía Castro, natural de la Parroquia del Hospital de Santiago. Abuelo paterno, D. Juan Martínez Castro, natural de San Benito de Santiago; y de Dª Concepción Murguía, natural de Ayerzún (Guipúzcoa), difuntos; y materna Dª Teresa Castro, natural de Iria Flavia. Madrina, Alejandra Martínez Murguía, hermana de la bautizada. Firma la partida el Ecónomo de la Parroquial de Santiago, Estanislao de la Peña González.

Faleceu na Coruña o 28 de decembro de 1921. O seu médico, amigo íntimo da familia, foi o republicano coruñés José Búa Caróu. Descansan os restos mortais de Amara coa familia (agás Rosalía) no cemiterio herculino.

AURA

Aura, a segunda filla do matrimonio, nada en Santiago en 1868, contraeu matrimonio por poderes e a cerimonia celebrouse aquí na Coruña, na igrexa de san Nicolás o 30 agosto de 1897 e como testemuñas asinaron dous amigos de Murguía, Andrés Martínez Salazar e don Juan de la Oza y Guerrero; en representación do esposo –don Francisco Prats Pérez, nado en Monóvar, Alicante- asiste un residente na Coruña, o comandante de infantería don Alfonso Romero Herrera. Dinos Naya que daquela a contraente vivía co pai e irmáns no piso segundo da casa nº 6 da rúa de Panderas. Os restos deste matrimonio (dona Aura e don Francisco) repousan na sepultura familiar do noso coruñés cemiterio do santo Amaro.

 (Dona Gala e dona Aura Martínez-Murguía de Castro, foto tomada do libro citado de Juan Pérez Naya, publicado pola Deputación coruñesa)


GALA

Gala Blanca Eleonora, que nacera nas Torres de Lestrove, en 1871, tamén falece na Coruña o 18 de xaneiro de 1964, con 92 anos. Casou no coruñés santuario de Pastoriza (onde Murguía fora bautizado) o 30 de marzo de 1922, con don Pedro Izquierdo Corral, madrileño, autor de certos traballos literarios. Algún deles, publicado na nosa cidade: Cristóbal Colón español por Galicia y gallego por Pontevedra (1935), editado por Roel na Coruña.  O señor Izquierdo falecerá na Coruña en 1942, sendo o seu enterro presidido polo presidente da RAG, don Manuel Casás. En maio de 1956, a Real Academia Galega acorda nomear a dona Gala membro de honra da institución que cofundara e presidira o seu pai. Gala tivo moitas amizades e foi entrevistada por varios ilustres nomes. Pero de todas elas hoxe e aquí queremos destacar a dous coruñeses: a que fora alumna do noso Instituto, dona Victoria Armesto e o que fora cronista da nosa cidade, presente e conferenciante nos actos do centenario do Instituto da Guarda, o señor Juan Naya Pérez. Tanto el como a súa esposa honraron coa súa amizade a filla de Rosalía e foron honrados en xusta reciprocidade pola amizade de dona Gala durante máis de  sesenta anos. Juan Naya publica no libro que manexamos (espléndida edición da Deputación coruñesa: Juan Naya Pérez, Estudios acerca de la familia Murguía-Castro, 1998; conta cun rico estudo introdutorio da autoría de quen fora director moitos anos do noso Instituto, o catedrático Elisardo López Varela) o testamento de dona Gala, onde vemos a xenerosa disposición de bens e mandas testamentarias para a Real Academia Galega,  a Deputación provincial e mais para o Concello da cidade brigantina.

(Nesta foto, tomada do libro de Juan Naya, vemos entre outras persoas, a Gala e mais a esposa do que fora cronista da Coruña)


OVIDIO

Ovidio e Gala eran irmáns xemelgos. Falece Ovidio Murguía na Coruña. Cando está na agonía, o un de xaneiro de 1900, sabemos por Naya (no seu discurso de ingreso como académico de número na Real Academia de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario) que o acompañaba o seu querido amigo, o tamén artista coruñés, Pepe Lorman.

 (Ovidio, fillo de Manuel M. Murguía e Rosalía de Castro)


Sabemos, sempre grazas a Naya –e este mercé ás confesións de Gala- que Ovidio tivo unha noiva en Madrid e que esa noiva quedaba embarazada cando el, minado pola tuberculose, veu morrer á Coruña. Preguntou por ela ata o último momento, pero as cartas que ela lle mandaba desde Madrid foron rotas nas mans das irmás (por aforrarlle sufrimentos?, por prexuízos dun espírito pequeno burgués do que logo se arrepentirían?, porque non tiñan “boas referencias” daquela criatura, segundo a opinión de que fala Naya, manifestada polo curmán Alejandro Pérez Lugín? Lonxe do noso ánimo emitir xuízos tallantes de valor: con todo, e tendo en conta que outros son os tempos, cremos que se pode expoñer con liberdade un par de cuestións abertas: primeira, non credes comigo –unha vez máis- que o home tropeza dúas veces na mesma pedra e que se as irmás de Ovidio se puxesen neses momentos no lugar da avoa Teresa se decatarían mellor do que é estar embarazada soa, sen o pai do froito da unión ao seu lado? E segunda cuestión: como é posible que ningún investigador ou ningunha investigadora –no que nós sabemos, claro está- se preocupase por averiguar ao longo do século XX se o sangue rosaliano latexa vivo en Madrid ou onde for que fose? Imaxinemos que Visitación Oliva (así se chamaba a noiva madrileña embarazada de Ovidio) dá a luz a finais de 1899 e que ese ser ten forza e vida suficientes como para vivir, poñamos, 80 anos. Estariamos falando do último terzo do século XX, con medios e avances máis que suficientes como para saber... En fin, limitémonos a formular en voz alta os mellores desexos para ese neto ou neta de Rosalía. Oxalá vivise, oxalá fose feliz. Só nos resta insistir -Juan Naya así o asegura- en que as irmás de Ovidio Murguía Castro deploraron o resto da súa existencia ese seu comportamento silenciador pouco edificante.

 (Gala pintada polo seu irmán Ovidio, cun amorciño no regazo, foto tomada do libro mentado de Naya)


ROSALÍA

Rosalía foi, en liñas xerais, feliz na Coruña. Gustáballe bastante a nosa cidade. “La Coruña estaba hermosísima. Una temporada de primavera y un sol brillante. Estaba por quedarme yo en ella” (carta datada en 1861: máis información en: “Momentos estáticos y estéticos de Rosalía de Castro en el espacio urbano de A Coruña”, de Lucía García Vega, dispoñible na rede:. En: http://dx.doi.org/10.5209/rev_ANRE.2012.v4.n1.39283).

Engade Lucía García: La reputada escritora databa en 1871 en A Coruña el poema26 intitulado “Na tomba do xeneral inglés Sir John Moore”, integrado en la obra lírica Follas novas (1880) y, hasta que no se demuestre lo contrario, única composición rubricada por ella en A Coruña.

Na partida bautismal de Gala (20 xullo 1871) consta, efectivamente,  que o matrimonio Murguía-Castro reside na Coruña). Pero quizais debamos engadir como redactada na nosa cidade a estrofa que compuxo para o abano da tamén coruñesa Emilia Pardo Bazán, por quen sentía unha certa admiración (admiración mutua: a ver se un día lle dedicamos un par de páxinas neste blog á influencia rosaliana en Emilia). Relembra Naya o relato de Rodríguez Yordi do encontro de dona Gala e dona Branca nas escaleiras da casa en Rúa Tabernas 11: nese intre recita a filla de dona Emilia os versos que Rosalía puxera no seu abano: Mimada polas musas,/ servida polas grasias / cun corazón que vive de armonías, / nobre cantora das gallegas praias, / ben merecés reinar como reinades, / magnífica, ausoluta soberana.

 (Plano da cidade tal como era aproximadamente na época rosaliana)

(Praia do Parrote, principios de século XX)


E na nosa cidade vería sen dúbida Rosalía como se embarcaban os seus compatriotas cara a América no Parrote. Ese microtopónimo coruñés tan antigo (juan de santa maria del parrote, documéntase nun texto do ano 1400, corpus XELMÍREZ) aparece citado en Follas Novas:

De humanos seres a compauta línea /que brila ó sol adiántase e retórcese, / mais preto e lentamente as curvas sigue / do murallón antigo do Parrote (do poema “¡PRA A HABANA!”, Follas Novas, ed. do Patronato, 1982).

 (Esta coñecida foto foi feita no ano 1884: están os pais e están Alejandra, Aura, Amara, Gala e Ovidio)



 (Retrato de Rosalía pintado por Brocos)



.




Ningún comentario:

Publicar un comentario