martes, 20 de febreiro de 2018

BUSCANDO PALABRAS



Doce verbas para Isidro

 (O escritor lucense Isidro Novo, recentemente falecido. Foto tomada de Internet)
 
Coñecimos a Isidro Novo hai pouco, nunha xuntanza sumamente entretida e grata en Lugo. Como non podía ser menos, era un lucense apaixonado pola terra. Un bo moderador na mesa co público diante. Un amante e xardineiro fiel das palabras. A parca cortoulle cedo o fío da vida. Séxalle a terra leve! Dirixía un proxecto fermoso de recolleita universal (entendendo aquí por universo o territorio galego) de voces non inventariadas nos dicionarios (como modelo e espello no que contrastar tomaba o DdD, Diccionario de Dicionarios que dirixe o profesor Antón Santamarina). Homenaxeamos o escritor lucense con doce verbas inéditas. Todos aqueles interesados en saber máis dese proxecto do noso homenaxeado, podedes ler o seu artigo “Orfanato para ágrafas: Palabras ao ventimperio” (publicado nas Actas da X Xornada de Literatura de Tradición Oral, editadas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, en decembro de 2017. Tamén podedes entrar na páxina web da Asociación e buscar a sección correspondente, Palabras con memoria.


Doce verbas para Isidro Novo:
Nº 1.  Acarrouxar
Acarrouxar ‘Arrolar a un cativo’ (o noso informante era do Incio ou do Páramo, Lugo).
Nº 2.  Ambradas
A frase Ás ambradas documentámola en Lubre, Bergondo, A Coruña (e debémoslla á nosa amiga Uxía López Meirama). Significa ‘en abundancia’ e aplícase, por exemplo, aos froitos da terra que son recollidos ás ambradas. Inicialmente pensamos que talvez houbese relación etimolóxica coa forma galega ámboa ou amboa (variante en DdD, ámoa). O erre remitiría á base grega ánfora. A unidade fraseolóxica integraríase no mesmo paradigma ideolóxico ao que pertencen outras frases semellantes, do tipo de ás caldeiradas. Logo vimos que o señor Elixio Rivas (en Pan, sega e malla. Medidas, 1999, p. 387) cita ambozada (asturiano, Vigón) co valor de ‘puñado’, e di que se corresponde co español ambuesta ‘porción que cabe no oco de ámbalas dúas mans xuntas’, e cita tamén a Corominas que o trae do céltigo *ambosta, de *ambi ‘ambos’ e *bosta ‘oco das mans’ (irlandés boss, bass; bretón boz). Está espallado pola metade norte de España e Pirineos franceses, ademais de no territorio de linguas celtas.
Nº 3.  Amorón
Os amoróns son os amorodos silvestres (informante de Cruceiro de Roo, Coruña). No DdD hai toda unha serie de variantes: amorillón, amorodo, amorodio, amorolo, amorote, morodo, morote, e inda falta a variante amores que se documenta na coruñesa dona Emilia Pardo Bazán. A voz castelá mora tamén se pode aplicar ao froito silvestre chamado en castelán frambuesa. O étimo é latino (latín vulgar MORA).
Nº 4.  Baduar
Baduar a barca: cando repunta a marea (dise que está no repunte cando terminou de subir e non empezou a devalar) a barca (ancorada) anda sen tino, badúa (o informante –o que fora profesor de filosofía do noso Instituto longos anos, José Luis Suárez- asegúranos que se usa esta expresión tanto en Cabanas de Pontedeume, como en Ponteceso). En galego común é moito máis usada a voz baduar ‘falar sen tino, divagar ou desvariar’. A presenza dese u (tamén presente na voz galega, portuguesa e castelá badulaque) remítenos ao latín BATTUERE, étimo distante doutras voces como o badalo da campá (é de supoñer que de aí, por un proceso metafórico, veña a imaxe do que badúa falando, porque se asemella a lingua que vai e vén ao badalo). Seguindo esa imaxe do vaivén, chegamos á barca oscilante…
Nº 5.  Burrusco
“Fai burrusco” di ás veces a nosa nai (valdeorresa) para dicir que vai frío. Un frío cortante e penetrante. Témoslle oído tamén a variante borrusco. A falantes de Peisaco, aquí en terras bergantiñás coruñesas, oímoslles borrugho (con gheada) co mesmo valor. A familia debe ser a mesma de borra, borralla e borrasca (con permiso de Corominas: el mesmo na entrada BORRASCA cita o asturiano borrina ‘néboa’ e nós temos borralleira –DdD- para designar unha néboa mesta: a imaxe borrallenta, da cor e case da textura da cinza, do tempo borrascoso permítenos pensalo así).
Nº 6.  Esperrearse
Non te esperrees tanto” ou “non fai falta que te esperrees” son usos do verbo na fala da nosa nai cando eramos nenas e nos alporizabamos e faciamos aspaventos con brazos e mans. Así, o significado de esperrearse vén sendo ‘mostrar alporizamento por medio dos xestos e do ton elevado de voz’. Sen dúbida ningunha para nós a palabra pertence á familia léxica de perrencha, berro, berrar, espirrar ou esbirrar e ten orixe expresiva. Se non nos falla a memoria é en Fole onde se documenta outro uso curioso do verbo esperrear: uns cazadores descansan nunha aldea remota da montaña lucense e a velliña da casa que os acolle ofrécelle sopas de allo. Como queren os allos, normais ou esperreados? E eles, por probar algo novo, contestan que esperreados. Entón a vella colle as salugas (aquí vale por ‘dentes de allo’), méteas na boca, tritúraas cos dentes, e logo bótaas, cúspeas, enriba da sopa. Así eran os allos esperreados, triturados e  expulsados como expulsamos o aire ao espirrar.


Nº 7.  Gasano
Na fala do noso sogro (nacido e criado en Bendoiro, Lalín) un gasano era un trueiro. Voz enigmática, parece un xermanismo. Ocórresenos emparentala coa voz gasado ‘rodo, pala para retirar brasas ou cinza do forno’ (DdD). Que teñen en común? Quizais esa mesma idea de “arrastrar ou raspar,  apañar”, co gasano apañábanse peixes. Vemos no dicionario portugués Dicionário de Expressões Populares Portuguesas, de Guilherme Augusto Simões, que se documenta a voz gasmar co mesmo valor de ‘abichar, apañar’. Quen non nos di que hai algunha conexión coa familia de (a)gasallar? Unha das acepcións fundamentais dese verbo en galego é ‘abastecer, fornecer’ nada distante semanticamente de ‘a(rre)pañar’. Sería estupendo poder coñecer o significado da voz con que Laureano Prieto nos agasalla: agasanar, agasanado (DdD).
Nº 8.  Mallado
Ser mallado a ‘ser cuspido a’ (oímoslla nun monólogo ao arousán Carlos Blanco unha vez que actuara no teatro Colón aquí na Coruña, fómoslle preguntar e díxonos que era de toda a vida, moi común para el). Di Vicente Risco: Non embargante, atopamos na tradición popular a idea de certos «axentes» ou «forzas», que poideran ser referidos, sin moito estirar as cousas, ó tan mallado e remallado mana dos etnólogos (texto atirado do TILG). Aí mallado equivale ao castelán trillado, moi repetido, sempre igual a si mesmo, e de aí atiramos a idea de igualdade. O mesmo proceso lóxico dáse á hora de explicar a xénese da unidade fraseolóxica castelá ser calcado a (se ben aquí entra tamén en xogo o uso do papel de calco que se poñía nas máquinas de escribir para facer copias; con todo, calcar tamén significa ‘apertar, trillar ou pisar co pé’).
Nº 9.  Pismado
“A comida está pismada”, dise así en terras lucenses cando ten moito sal. Parece haber aquí un cruzamento entre a familia de palabras que comparten a raíz pis- e a palabra bisma (ou todo é unha mesma familia, calquera sabe…). A  raíz pis- , raíz comparténa co latín tanto o galego como o castelán,   aparece en vbos. como galego e portugués pisar, castelán pistar ‘esmagar’ (cfr. o refrán portugués o machado grande se non corta pisa) e moi en estreita relación con ese valor, probablemente tamén se sume o sema [+SECO] (pénsese en accións de esmagar certos alimentos como peixes e uvas, ao perder o líquido restan secos), de aí que sexa posible relacionar eses verbos con voces máis infrecuentes como pistraca (figura no DdD, con valores semánticos do tipo ‘persoa seca de carnes’). Tamén a comida con exceso de sal produce sensación de sequidade e ao remoela na boca pode ser comparada a algo esmagado, unha pasta, un emplasto, é dicir, iso que en galego tradicionalmente se chama bisma , voz  que alterna coa variante (preferida no diccionario académico) bilma (castelán bizma, do lat. EPITHEMA, segundo o DRAE, aínda que un tendería a pensar en novo cruzamento con pis-. En portugués coa voz bisma desígnase un emplasto moi específico, o que se fai co unto da cobra (Dicionário de Expressões Populares Portuguesas, de Guilherme Augusto Simões).
Nº 10.  Pistrino
Os pistrinos son doces do entroido: coa masa das orellas e bañado con almibre de azucre e anís, dánselle forma redonda, e bótase a fritir (informante de Mera, concello de Ortigueira). A familia léxica á que pertence volve ser a dos derivados do latín PISTUS ‘mallado, batido’ (como a voz pestiño que se usa en moitas partes de España para designar outro doce).
Nº 11.  Relouza
A relouza ou rilouza é como lle chaman aos brotes novos que nacen con forza ao pé da planta (informante de Camporrapado, parroquia de Cortegada, Silleda). A voz pertence á familia de louzán, louzá. Comparten o sema de [+VIGOR]. O étimo parece estar na palabra latina LAUTIA, pero o que predomina é o valor derivado (a louza fina sobre a que se serven as viandas) quizais, só a título de hipótese, haxa que ir a documentacións moi antigas para localizar un posible valor primario: lemos nun libro publicado no XIX, a propósito desa voz, lautia, o seguinte: “C’étaient surtout des provisións de bouches et non de présents, car lautia est presque toujours suivi de munera”, en : Oeuvres de Tite-Live, de M. Nisard, Paris, 1839, p. 782; para chegar a esa conclusión o autor examina as concorrencias de lautia non só en Tito Livio, senón tamén no Corpus Inscriptionum  de Gruter; se esas viandas se servían a hóspedes de distinción irían servidas en pratos de fino barro e por metonimia a palabra pasa a significar iso mesmo (a louza fina, pero se inicialmente se aplicaba ás cousas de comer, aí está a idea orixinaria, a materia “fresca” e viva…).
Nº 12.  Tirapuxar
“O cura tirapuxaba…” ‘insistía, porfiaba’ (“quería levarlle o san Brais [a imaxe], estaba empeñado, pero o dono non quería) (Informante de Soutolongo, parroquia do concello de Lalín, e casada nos Chaos, parroquia de Cortegada, Silleda). O verbo formouse sobre a base do substantivo tirapuxa. En galego común, porén,  o normal é usar a locución andar á tirapuxa.



Ningún comentario:

Publicar un comentario