martes, 13 de marzo de 2018

VISITANDO



VISITANDO

TARDE ENTRE CADROS

 (Cadro de Jorge Castillo; todas as fotos foron feitas por Charo Soto)
 
Dixonos José Luis na tertulia dos xoves (quizais relembredes os que fostes hai anos alumnos do Eusebio a José Luis: daba clases de debuxo; é un pintor consagrado, ademais) que non perderamos a exposición en pleno centro, no Cantón Grande, de Jorge Castillo, un dos artistas galegos vivos máis recoñecidos internacionalmente. Enxalzouno tanto que era imposible non obedecelo. Chamei a Leo, tamén amante da pintura, e aló fomos. Ás cinco en punto da tarde, logo de petiscar algo na Mundiña (un sitio algo caro para xantar, bo para petiscar, xa digo, materia prima da ría de Corme,  da desembocadura do Anllóns... a mundiña é o nome dunha pedra percebeira, que queredes, estas cousas fan boca tamén, de pedras percebeiras sabemos igualmente moito na nosa cidade, xunta a Torre, en Labañou... pedras percebeiras cantas non haberá nas costas galegas...), e de tomar un café na rúa Rego de Auga (onde viviu Emilia Pardo Bazán, onde fai vivir personaxes das súas novelas...), ás cinco en punto da tarde, encetamos a nosa peregrinaxe polas estancias da pintura que A Coruña (e as empresas con boas ideas culturais) nos ofrecían esta tarde de inverno.

 (Foto doutro cadro de Castillo)

(Máis do pontevedrés Jorge Castillo)

Castillo fai honra ao seu nome. É inmenso, grandioso. Un luxo indiscutible, complexo, poliédrico, con profundidade de Alfa e Omega ou case. Eu son unha profana, que conste, pero amo a literatura e a arte: atrévome –sei que me desculpades bastante ben os posibles excesos- a dicir que vin na súa obra os clásicos: Goya, Laxeiro, Dalí, Picasso, Velázquez... Vin a paxariña de Armenteira, a luz da vida, “todas as aves do mundo”... E máis. Claro que nos gustou, claro que tiña moita razón José Luis Martínez... Déixovos logo fotos da letra impresa que aló había sobre el.

 (Presenza feminina na obra de Castillo: unha constante)



(Castillo: evocación do paraíso. Quizais vexades a paxariña de Armenteira...)
 
A pequena sorpresa déunola Centeno. Non contabamos con ela: está dando os primeiros pasos na pintura pero pisa con garbo, con intelixentes conceptos, con chispa. Brindamos por ti, queridiña!



 (Dúas obras de Mónica R. Centeno)

 Leiramos de marabilla as tres. Quedariamos aínda máis tempo xuntas se non tivésemos outros compromisos adquiridos. En serio. Estas sintonías inesperadas son as que manteñen, tamén, aceso o facho da esperanza e fe nos outros. “O inferno son os outros” dixo o autor francés. Si, sen dúbida en tantas ocasións. Pero do outro vén a gana de seguir vivo, a gana de dar e recibir. Unha coruñesa aberta, vital. Vendo a súa obra recordei o adaxio, recuperei a lectura do libro de Francisco, In vino veritas, relembrei a Miguelanxo en Italia,  recordei a terra dos meus ancestros maternos, as cántigas na cova (‘adega’), a vendima, sempre a fértil familia. A copa do bo viño que inspira ao rioxano Berceo: todo un símbolo de amizade, de comunicación inspirada. “Que lle pides á vida?” –Amor. E tema para seguir pintando. Vedes? Non se necesitan millóns de euros. “Onde estudaches?” Na Compañía de María... Inda recordo algunhas das profes, madre Leli, Asorey... Logo estudei economía nos EEUU... ocupei cargos en empresas pero deixeino todo pola pintura, xa ves. Por que o viño? Porque simboliza ben un estado, a alegría; porque compartir unha copa cun amigo, iso é vivir...”. “-E cales son as túas influencias?” “-Picasso, Basquiat, Dufy, Giacometti, Antonio López... encántame esa flor do marmelo, Velázquez, como non... Non podo evitar preguntarlle que está lendo arestora: “Agora? Pois un libro de Juan Mariñas, “Alguien que te quiere”. Pedímoslle Leo e mais eu que nos asine o catálogo e faino compracida, “é a primeira vez que mo piden”. Unha hora moi agradable a que pasamos contigo, Mónica.
 (Mónica Rodríguez Centeno a carón dunha súa obra)
 (Mónica amósanos a camiseta que anuncia unha súa exposición en Vigo -cidade propicia- celebrada no 2017: "Asteleiros, guindastres e portos")
 ("Sorbo de tinto", de Centeno)


 (Paneis informaticos sobre Jorge Castillo, na exposición de Abanca na Coruña estes días)
::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::
(A calidade da fotografía réstalle mérito, mais inda así observade a feliz coincidencia: a copa de bo viño na pintura fermosísima de Miguelanxo Prado. Colección particular)


Ningún comentario:

Publicar un comentario