xoves, 10 de maio de 2018

BUSCANDO PALABRAS


BUSCANDO PALABRAS


Como saberedes algúns de vós, sobre todo os que máis me tratades, este día acudimos a unhas xornadas en Santiago. Xornadas de fraseoloxía multilingüe na aula (4, 5 e 12 de maio de 2018, inda non remataron xa que logo). A dirección correu a cargo de Carmen Mellado Blanco e Mª Isabel González Rey, e na secretaría están Alba Cid Fernández e M. Carmen Losada Aldrey.

 (Carmen Mellado e Xesús Ferro. Foto feita por Charo Soto)

Aló estivemos e dígovos de verdade que aprendimos moito. Como corremos o risco de excedernos na dose de información, imos procurar darvos só un par de ideas do que dixeron aqueles participantes dos que tomamos notas. Empezamos co primeiro, o señor Xesús Ferro Ruibal, a quen nos honramos en chamar amigo. Querería do seu discurso subliñar catro cousiñas taxadas: unha, dixo que os nenos apenas usan fraseoloxía (importante dato: aí temos os docentes moito que facer). Segunda cousiña: contou, a propósito do grande filólogo e fraseólogo Sarmiento que xa daquela, en vida súa, era estimado como un sabio ilustre, que  incluso Linneo mandou un propio a Madrid para que falase con el; que outro sabio, tras visitalo, comezou a bicar o chan que pisaba Sarmiento e dixo ante o abraio xeral: fágoo para que vostedes saiban a quen teñen aquí. En terceiro lugar, relembrou do seu oficio de tradutor (porque claro, a fraseoloxía é o pan noso fundamental de cada día para traducir) da Biblia (Ferro foi dos primeiros en versionar o libro dos libros no noso idioma) e comentaba das dificultades, porque –dicía Xesús- traducimos a Biblia do grego escrita por xente que pensaba en arameo ou en hebreo.... e puxo algúns exempliños que reproduzo: Te-lo ollo malo significa ser cutre, Beber o cálice ‘pasar un trago difícil’, Non coñezo varón ‘non vivo con ningún home’, Que hai entre ti e min (a frase do filla á nai canda as vodas de Caná) ‘E a ti que che importa...?’, Que ese diñeiro sexa para a perdición túa  realmente significa  ‘así rebentes ti e mais os teus cartos’;  vaia, que a tradución bíblica era algo complexo e difícil, incluso a orde das palabras consideran os doutores, os expertos, que está inspirada. Á derradeira falou Ferro do seu proxecto dourado para o futuro próximo: editar un refraneiro inmenso e inédito, cuxo material foi recollido pacientemente por un militar. Son 2000 folios mecanografados ordenados por temas e subtemas, con fontes propias e exclusivas. Este militar dáballes permiso de fin de semana aos subordinados-soldados a cambio de que lle trouxeran á volta refráns da avoa... A fonte máis antiga que consta nesa riquísima documentación é dun informante de 1844 –tiña daquela 7 anos Rosalía- e a máis serodia é de 1955. Pediu dez voluntarios para axudalo á edición, cun compromiso de 3 horas diarias de traballo durante uns meses... Mágoa estarmos xa comprometidos noutra sabadeira.

 (Charles Bally, lingüista suízo discípulo e seguidor de F. de Saussure. Foto tomada de Internet)
 
Logo falou Mª Isabel González Rey, outra grande fraseóloga do país. Falou de fraseodidáctica e explicou tecnicamente como se dividen as unidades fraseolóxicas: as categorías fraseolóxicas. Fixo mención do MCER (Marco Común Europeo de Referencia) e lamentou que apenas se teñan en conta aí as paremias. Hai moi pouca competencia cultural nese sentido (paremiolóxico, de refráns) entre as novas xeracións. Hai que proceder sistematica e paulatinamente desde o principio: a lingua, toda a lingua, pode ensinarse a través da fraseoloxía. E insistiu nun razoamento elemental, básico: o profesor non está afeito a traballar con, a ensinar fraseoloxía, porque non ten tampouco unha conciencia ao respecto. Comentaba tamén o carácter “conservador” das unidades fraseolóxicas: as UFs conservan, por exemplo, arcaísmos: as UFs teñen así un valor de refuxio. E, seguindo con este fío [“esta fonte seguídea ben”, que diría Pero Meogo na Idade Media] recordou María Isabel algo moi interesante ao noso ver: o carácter orgánico das linguas: nacen, medran, úsanse, desaparecen. Pero na fraseoloxía deposítanse unidades “conxeladas”. E engadiu: O que está conxelado, pode desconxelarse.  Que idea suxestiva e poderosa! Outra nova oportunidade para as palabras e unidades fraseolóxicas esquecidas! Así, meus queridos, podemos reiniciar o proceso: as linguas nacen, medran, xeran novas familias de palabras no seu seo, morren e poden resucitar/reencarnarse/revivir! Encantoume a idea, que queredes que vos diga? [Recordade que a miña colega, e profesora de moitos de vós, Carme López Taboada, e mais unha servidora, elaboramos un novo repertorio fraseolóxico cun certo número non desprezable de localismos e algún arcaísmo: deámoslle unha nova oportunidade a esas formas minoritarias ou xa moi esquecidas...]. En todo momento, a profesora González Rey salferiu a súa intervención con citas apropiadas doutros expertos. Entre eles citou a Mª Ángeles Solano Rodríguez, Carmen Navarro e citou a Charles Bally, pai dalgunha maneira da fraseoloxía e da fraseodidáctica: en Suíza, en 1909, preparou 180 exercicios para os seus alumnos. Tamén me pareceu fascinante a súa reflexión sobre como se aprehenden as unidades fraseolóxicas: en bloque. En xeral, facemos bloques falando, non combinamos unidades illadas (en liñas xerais, claro, e neste sentido, volvemos a Ch. Bally –o que fora discípulo de F. Saussure, pai do estruturalismo europeo, e se me apurades do americano porque Bloomfield o leu- : seu é este pensamento: É máis doado aprender palabras xuntas que soltas, un pensamento moi útil, por iso moitos de nós para ensinar por exemplo ortografía apelamos ás familias léxicas...). Xogarmos, traballarmos coa fraseoloxía é unha maneira de facer lingua, e se o entendemos –como docentes- así, o ensinaremos así. Finalizou o seu discurso trazando unha escaleira ascendente, con tres chanzos: abaixo a CURIOSIDADE, no medio o DESCUBRIMENTO, arriba o CONVENCEMENTO. Unha fermosa progresión, abofé!

 (Mª Isabel González Rey, fotografada por Charo Soto na homenaxe a Xesús Ferro, en Santiago de Compostela, Nadal de 2016)

Seguiremos dentro de tres semanas, se non erra a miña memoria (temos programado algo sobre a homenaxeada no Día das Letras, e algo de música). Por hoxe xa chega co dito. Confiamos sempre en que algo vos interesaría. Sen esa confianza, para que falar?

Ningún comentario:

Publicar un comentario